O alcalde reitera o rexeitamento municipal aos recheos na ría e ao tren a Bouzas

Abel Caballero mantivo un encontro este luns co presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuíña, no que ofreceu a colaboración “total e absoluta” do Concello en temas portuarios

Para o rexedor olívico hai tres “temas importantes” que abordou na reunión co Porto de Vigo: os recheos “que non queremos na cidade”, o tren a Bouzas que é un “disparate monumental” e a cooperación entre as dúas administracións “que ofrezo para todo o que precise”.

O rexedor foi rotundo: “nesta cidade, neste Concello non queremos recheos na ría. Poden encontrarse espazos sen necesidade de recheos. Estamos en etapa de transición ecolóxica. Acabáronse os recheos na ría de Vigo”, censurando o que se está acometendo diante do Auditorio Mar de Vigo para “meter un aparcamento de camións” e, engadiu, “se seguimos facendo recheos en Bouzas imos chegar a Cangas. Non se poden facer máis pero pódese reordenar o Porto de forma distinta”.

Sobre o tren a Bouzas apuntou que ese ámbito “ten que ser para Citroen, que é o gran provedor de osíxeno económico da cidade” e que, ademais, non quere o tren a Bouzas. “É moi mala decisión sacarlle espazo” á factoría de automóbiles, sinalou, cando a “única zona da cidade que precisa tren é Guixar e xa o ten”.

O alcalde ofrece a cooperación do Concello ao Porto de Vigo, “para todo o que precise da cidade porque é unha vía de oxíxeno económico importantísimo e para redeseñar espazos, que conte co noso apoio”. Con todo, instou ao Porto a que faga proposta para ampliación de contedores, xa que “debe tomar a iniciativa. Explicou Caballero que o goberno de Vigo está tratando con ADIF que Zona Franca compre o espazo próximo á terminal de contedores e poder alugarlla ao Porto, nun proxecto que incluiría tamén a creación de zonas deportivas na parte superior para cubrir esa zona da cidade.