O alcalde reclama á Xunta o IES de Navia e máis vivenda en Vigo para atender a demanda

«Feijóo anunciou hoxe algo que vai tardar anos en facerse, pero cando leve gobernando 16 anos non terá feita ningunha vivenda en Navia», considera Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu hoxe sobre o instituto de Navia e reclamou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, aproveitando a súa visita á cidade, que se comprometa a construír esta infraestructura que, segundo considera, reclaman os veciños do barrio de Navia.

O rexedor lembrou que se trata da zona de Galicia con maior poboación xove e que o Concello pon a disposición do Goberno galego os terreos necesarios. “Non dixo o máis importante que tiña que dicir, que sería construír un instituto en Navia, porque é a zona de Galicia con máis poboación xove, e toda a dotación foi construída polo Concello”, sinalou antes de mencionar as instalacións deportivas, a escola infantil, zonas verdes e culturais.

Caballero tamén apuntou que existe unha gran demanda de vivenda de protección, por riba das 5.000 persoas inscritas. “Feijóo anunciou hoxe algo que vai tardar anos en facerse, e así, cando leve gobernando 16 anos non terá feita ningunha vivenda en Navia”, considera.