Caballero asiste ao acto de lembranza do terceiro aniversario da vaga de incendios que sufriu Vigo, celebrado no Parque Maruxento de Matamá, descubrindo unha placa de recoñecemento

O Parque Forestal Maruxento de Matamá acolleu a celebración do acto conmemorativo deste terceiro aniversario para lembrar o momento dramático vivido hai tres anos e no que «a cidade se comportou», en palabras de Caballero, «fomos quen de facerlle fronte cos nosos propios medios, actuou sola e fomos quen de rematar o lume en doce horas, polo que volvo felicitar á cidade por aquel comportamento».

No acto descubriuse unha placa conmemorativa de agradecemento ao labor dos corpos e forzas de seguridade, ás comunidades de montes e á cidadanía que cooperou para acabar cos lumes de hai tres anos.

Ademais, o alcalde informou da aprobación na Xunta de Goberno Local de mañá venres do expediente de contratación por procedemento aberto do contrato de servizos de desbroce e limpeza da biomasa vexetal en fincas con risco de incendio, unha competencia, dixo, que a Xunta de Galicia delegou nos concellos que deben notificar aos propietarios a obriga de limpar esas franxas secundarias. No caso de que estes non actúen, os municipios deben facer esta limpeza de forma subsidiaria, derivando a factura do custo, posteriormente, aos titulares das parcelas. O contrato ten un importe de 525.000 euros para os anos 2020 e 2021.

Segundo expuxo o rexedor, Vigo conta con máis de 34.000 parcelas suxeitas a esta limpeza, ao estaren en franxas secundarias do monte, das que un número importante ten propietario descoñecido, que foron publicados no BOE pero que ao non asumir a obriga é o goberno municipal quen realiza a limpeza e desbroce.

Caballero sinalou tamén que o goberno municipal ten proxectada a construción dun anel verde nos montes de Vigo; unha ronda vexetal para illar o lume cun orzamento de construción de 7,5 millóns de euros e un ancho de 100 metros nalgunhas zonas, para permitir a mobilidade dos camións de bombeiros e configurando un gran cortalumes. Será unha zona preparada con vexetación autóctona que contribúa a evitar a expansión do lume.