O alcalde defende o labor de Protección Civil nos concellos: “é de importancia capital cada día”

Abel Caballero interviu este luns no Pleno Nacional de Protección Civil, celebrado no Senado, no que se abordou, entre outros asuntos, o impulso da cultura da prevención e a campaña “Municipio Seguro”, así como a elaboración dun Plan Nacional de Redución do Risco de Desastres Horizonte 2035

O Senado acolleu este luns pola mañá a reunión do Pleno Nacional de Protección Civil, do que forma parte a Federación Española de Municipios e Provincias, cuxa creación se acordou na Conferencia de Presidentes celebrada en xaneiro de 2017.

O Senado, precisamente, albergará un foro permanente sobre o Sistema Nacional de Protección Civil, segundo se acordou no encontro, presidido polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, que na súa intervención lembrou que “na Conferencia de Presidentes da Palma, o pasado mes de marzo, acordouse fortalecer Protección Civil e, en paralelo, “a cultura da prevención”.

De feito, a reunión de hoxe no Pleno estableceu impulsar “a cultura da prevención, a autoprotección e o desenvolvemento do Sistema no ámbito local, declarando o ano 2022 como o Ano da Autoprotección e lanzando a campaña “Municipio Seguro”. Segundo se recolle no acordo deste Pleno Nacional de Protección Civil, “o Ministerio do Interior lanzará nas próximas semanas, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias, a campaña “Municipio Seguro”, dirixida a fomentar o establecemento e mellora de accións e mecanismos de Protección Civil nese ámbito territorial. As Comunidades Autónomas poderán participar na mesma, co obxecto de maximizar o impacto desta actuación”.

O presidente da FEMP, Abel Caballero, resaltou na súa intervención que para as entidades locais “a Protección Civil é de importancia capital, non soamente cando hai unha gran catástrofe ou cando hai que elaborar un plan con horizonte 2035… É cada día, en cada feito, en cada festa, en cada celebración, en cada momento, en cada acción, en cada unha das cousas que van sucedendo en cada municipio”.

O Pleno acordou tamén impulsar a elaboración dun Plan Nacional de Redución do Risco de Desastres Horizonte 2035 que terá “como eixo fundamental o cambio climático e que, elaborado no marco do Consello Nacional de Protección Civil, constituirá o programa de traballo ata 2035”. Nese contexto, o alcalde de Vigo resaltou que “para a cidadanía a protección civil son os alcaldes e as alcaldesas, son os que xa se van a encargar… Por iso temos que xerar a cultura da protección civil no ámbito próximo, e o ano 2022, ano da autoprotección unido a municipios seguros, ten que ser fundamentalmente un toque de atención continua e permanente para espertar a conciencia da protección civil e da prevención”.

Con relación á campaña e concepto “Municipio Seguro”, Abel Caballero avanzou que debería irse na dirección “da semi profesionalización das agrupacións: máis formación, máis dedicación, recoñecemento de méritos. Facelo unha vía atractiva -concluía- para que non só esteamos nas agrupacións de voluntarios”.

O acto foi inaugurado polo Presidente do Senado, Ander Gil, que destacou que “neste tempo de cogobernanza, cogobernanza é o que se veu facendo e faise en Protección Civil. E iso sábese moi ben na política local”.