O alcalde anima a inscribirse na Holi Life, que regresa a Samil o domingo: “É a diversión total”

No exterior do Centro Comercial Travesía, Abel Caballero participou este martes na presentación desta cita, que terá lugar o 15 de maio

Tras dous anos de suspensión pola pandemia, de novo Samil recibirá a cor, a música e os disfraces da Holi Life, nunha edición na que a organización agarda congregar ata cinco mil persoas

“Merece a pena; é divertido, entretido”. Durante a presentación do evento, o alcalde puxo o énfase no divertimento que rodea a Holi Life, un evento que regresa á Avenida de Samil este domingo, 15 de maio, logo de dous anos sen celebrarse polo Covid.

Este martes presentouse a carreira na praza exterior do Centro Comercial Travesía, coa presenza do alcalde, Abel Caballero, a concelleira de Turismo e Xuventude, María Lago, a xerente do CC Travesía, Angélica Falagán, e a responsable da Holi Life España, Noemí Latorre. “É a diversión total, da gusto ver como a xente se divirte na Holi Life”, manifestou o rexedor vigués.

A organización, en verbas de Latorre, agarda acadar e incluso superar os 5.000 participantes. A inscrición continúa aberta e os dorsais se recollerán no espazo comercial Travesía o venres 13 e o sábado 14 deste mes. A edición deste ano, sétima edición, conta coa colaboración de Atendo, unha organización de apoio, solidariedade e inclusión dos adultos maiores de sesenta anos.

A Holi Life é unha carreira de corte lúdico e popular, con Djs e animación musical, na que se anima aos participantes a acudir disfrazados. As e os inscritos percorrerán este domingo un total de cinco quilómetros nos que haberá cinco estacións de lanzamento de pintura inocua de cor.