O alcalde amosa a súa “condena total” ao acto vandálico sufrido pola pedánea de Bembrive

“A violencia non é asumible nunca”, subliña o rexedor, ao explicar que o coche da alcaldesa pedánea, Patricia Otero, apareceu hoxe cunha pintada violenta

A pintada coa que amenceu o vehículo de Patricia Otero é para Abel Caballero “un acto de violencia contra unha alcaldesa elixida democraticamente” e trasladou o seu “rexeitamento total, a miña condena total a este feito violento”.

O rexedor incidiu en que este acto vandálico “é intolerable nesta cidade e neste país”, é inaceptable “contra calquera persoa e máis contra unha alcaldesa democraticamente elixida, con capacidade democrática de actuación”.

“Todo o mundo debe expresar a súa condena a este acto. A violencia non é asumible nunca”, censurou Caballero, reiterando a súa “condena total” a este “acto extremadamente violento”, e expresando a súa confianza na investigación policial para coñecer a autoría dos feitos.