No encontro mantido este martes con Carlos Fernández Gómez, presidente, e Jorge Rouco, vogal do Colexio Oficial, trararon a posibilidade de crear esta figura da enfermeira que sexa a profesional responsable de desenvolver os protocolos Covid-19 nos centros escolares
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo hoxe un encontro con Carlos Fernández Gómez, presidente, e Jorge Rouco, vogal do Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra, no que abordaron o establecemento da enfermeira escolar con motivo dos protocolos Covid-19 nos centros educativos.
Para Caballero esta «é unha idea a considerar. Sería bo que os centros dispuxeran dunha enfermeira para desenvolver as accións e protocolos Covid-19 e que tiveran o seu espazo para coordinar as actuacións».
Segundo expuxo ante os medios de comunicación ao remate da reunión, a creación da figura da enfermeira escolar tería un «custo asumible e proporcionaría unha grande tranquilidade» porque nestes momentos a coordinación das cuestións relacionadas coa pandemia corresponde aos responsables dos centros de Atención Primaria que, na opinión do rexedor, «coa carga de traballo dos propios centros de saúde terán dificultades para atender as necesidades dos colexios».
Así, avogou por establecer a figura da enfermeira escolar que atenda a un número determinado de centros, que poderían agruparse para a prestación deste servizo, para dar máis confianza e tranquilidade ás familias e ao profesorado.

