O Abono MuVer amplía o catálogo de actividades dirixidas que se ofertan nos tres campus

Como novidades: ciclo indoor, benestar integral, adestramentos personalizados, boot camp e fit box

Abono MuVer é un xeito práctico e sinxelo de realizar práctica deportiva nos campus da Universidade de Vigo. Esta proposta da Área de Benestar, Saúde e Deporte dá acceso ás instalacións dos tres campus e ás actividades dirixidas que se organizan ao longo do curso académico. O abono pode ser cuadrimestral, anual ou só para os meses de verán e está aberto tanto á comunidade universitaria e familia UVigo como a outras persoas e colectivos vencellados á institución, así como a persoas externas e os prezos varían segundo o colectivo ao que se pertenza e a duración da subscrición. 

Entre as vantaxes que ofrece o Abono MuVer está o deseño e seguimento individualizado dun programa de exercicio físico por parte do persoal técnico da sala de fitness, así como unha valoración antropométrica. Tamén inclúe o acceso ás instalacións deportivas da Universidade nos tres campus durante o todo o seu horario de apertura, incluíndo as salas cardio-fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo). Contar co abono tamén dá acceso gratuíto ás actividades dirixidas de fitness e o seguimento técnico e médico-deportivo dos programas de adestramento, así como a participación de balde nas actividades do equipo de carreiras populares da UVigo.

Ademais, con este abono tamén se pode acceder de balde ás actividades dirixidas de fitness dos tres campus, unha oferta que neste novo curso será máis ampla tanto en Vigo, como en Ourense e Pontevedra. Finalmente, o abono tamén supón un 20 % de desconto para as persoas da comunidade universitaria nas escolas deportivas e nas actividades puntuais no medio natural, como as Rutas Culturais ou o programa Aguaventura.

Máis actividades dirixidas

Unha das principais novidades do Abono MuVer deste novo curso, como explica Xabier Rial, director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, é o incremento das actividades dirixidas ofertadas, coas novidades de ciclo indoor, benestrar integral, ioga e adestramentos personalizados en Ourense; adestramento persoal en Pontevedra e boot camp e fit box en Vigo. 

Así, as e os usuarios do Abono MuVer no campus de Ourense poderán elixir, sen coste adicional, entre benestar integral; Body pump; ciclo indoor; dance fitness e ioga. No campus de Pontevedra, a oferta comprende adestramento funcional; HIIT e pilates. Finalmente, no campus de Vigo, as e os usuarios teñen á súa disposición adestramento funcional; bootcamp fitness; CORE; Fit box e ioga.

Prezos

No que se refire aos prezos, o abono MuVer conta con distintas tarifas que varían segundo a duración e a persoa que o solicite. Para os membros da comunidade universitaria e familia UVigo o prezo anual é de 70€, para persoas pertencentes entidades vencelladas á UVigo é de 105€ e para persoas alleas á institución é de 180€. Para quen prefira o abono cuadrimestral, os prezos varían entre os 40€, os 60€ e os 100€ respectivamente e para o de verán entre 15€, 22,50€ e 30€. 

Máis de 1400 usuarios o curso pasado

Tras os dous anos de pandemia, con limitacións de capacidade nas salas e ximnasios e coa obrigatoriedade de uso de máscara durante meses, este curso 2022-2023 arranca xa con total normalidade no que se refire ás medidas fronte á covid-19. Dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte agarda que esta situación sexa determinante á hora de recuperar o número de persoas que adquiren o Abono MuVer. Así, se no curso pasado houbo 1412 persoas aboadas, 852 homes e 560 mulleres, esperan que a cifra poida ser moi anterior. “Hai que ter en conta que foi aínda un período de transición despois do parón pola pandemia”, explica Xabier Rial, director técnico da Área de Benestar, Saúde de Deporte. “No curso 2018/2019 chegamos a ter 2214 persoas aboadas e todo parece indicar que no que agora comeza recuperaremos esas cifras”.