O 86% dos hostaleiros de Vigo recibiron axudas directas nos dous primeiros plans de rescate da Xunta

O importe dos apoios ascende ata os 8 millóns de euros, cifra que se eleva a case 13 no conxunto da área viguesa

O 86% dos establecementos de hostalaría de Vigo, é dicir oito de cada dez, recibiron 3.534 axudas directas no 1º e no 2º plans de rescate, ás que a Xunta destinou preto de 8 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a un dos sectores máis afectados pola pandemia e polas medidas sanitarias. Importes que se elevan aos 12,9 millóns de euros e ás 5.914 solicitudes atendidas no conxunto da área viguesa. 

En toda Galicia outorgáronse máis de 37.000 axudas directas en ambos os dous plans de rescate, co que chegaron case a nove de cada dez bares, restaurantes, cafeterías e outros establecementos de alimentación e bebidas radicados na Comunidade. Todos estes apoios supuxeron ata o de agora un desembolso de 86,6 millóns de euros das arcas autonómicas.

Cos dous primeiros plans de rescate a Xunta mobilizou un total de 182 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a estes negocios e contribuír á permanencia do emprego e da viabilidade. Máis da metade dese diñeiro foi parar ao sector hostaleiro. 

3º Plan aprobado

O Consello do Goberno galego, pola súa banda, vén de aprobar o 3º plan que, no seu caso, nutrirase de fondos do Estado dos que 234,4 millóns de euros corresponderán á Comunidade, apenas o 3,3% dos 7.000 millóns que se repartiron en toda España. 

Dentro da escasa marxe de manobra que o Goberno central deixa ás comunidades, Galicia priorizará que as axudas cheguen ás persoas traballadoras autónomas e microempresas que supoñen o 97% do tecido produtivo galego. Para elas resérvanse 200 dos 234 millóns de orzamento, o 85% do plan. 

En consenso do Diálogo Social e coa Mesa do Emprego Autónomo, a Xunta vén de deseñar un 3º plan que prevé axudas de entre 3.000 e 30.000 euros para persoas traballadoras autónomas, microempresas, pemes e empresas, establecidas en función da baixada de facturación padecida a causa da covid e o número de persoas empregadas ao cargo

Outra das aportacións de Galicia ao plan consistiu estender as axudas a todas as actividades económicas, e non só ás 95 apuntadas polo Real Decreto do Estado, sempre e cando poidan acreditar unha caída de ingresos dun 40% ou máis.

Co obxectivo de garantir a maior axilidade posible, o Goberno galego aplicará o mesmo criterio que no primeiro e segundo plans de rescate e concederá o anticipo do 100% dos importes coa mera presentación dunha declaración responsable.

Coa convocatoria do 3º plan, a Xunta terá destinado cerca de 560 millóns en axudas directas en seis meses aos sectores máis prexudicados pola pandemia: 416 millóns dos tres plans de rescate e a contía restante correspondente a diferentes departamentos da Xunta que veñen de apoiar a axencias de viaxes, ocio nocturno, orquestras ou ao sector das artes escénicas e musicais, entre outros sectores.