O emprendemento nacente procede principalmente de titulacións de Ciencias Sociais e Xurídicas (44%)
Segundo o informe GUESSS, o 10% do alumnado da Universidade de Vigo quere emprender cando remate os seus estudos, unha porcentaxe que se incrementa moito, ata o 19%, se se contempla, como momento de referencia, os cinco anos posteriores ao remate dos estudos.
Neste informe, elaborado polas profesoras Mª Isabel Diéguez e Ana Gueimonde e polo profesor e director da Área de Calidade Joaquín Collazo, participaron 4600 estudantes dos tres campus da UVigo, é dicir, o 22,11% do total de alumnado da institución. GUESSS é o proxecto de investigación colaborativa internacional máis importante do mundo no ámbito do fenómeno emprendedor e abarca 58 países e unha ampla rede de máis de 3000 universidades coa participación de 267.000 estudantes universitarios, sendo España, con 98.000 estudantes, o país máis participativo.
Esta é a segunda vez que a UVigo participa neste estudo, a primeira foi en 2018 coa colaboración de 2064 estudantes, o que situou á institución viguesa como a terceira universidade española en número de cuestionarios cumprimentados. Nesta nova edición duplicouse a participación e a UVigo é xa a segunda máis implicada de España neste proxecto, demostrando “o interese do alumnado da Universidade no ámbito do emprendemento e avalando o espírito emprendedor da Universidade de Vigo”.
Para as universidades, os datos obtidos neste estudo son especialmente relevantes xa que permite identificar actitudes, intencións, déficits, actividades e desexos empresariais dos estudantes, o que constitúe unha radiografía do comportamento e intención de emprender do alumnado da Universidade. De feito, como destacan os tres docentes implicados, “na Universidade de Vigo, o feito de contar con esta panorámica permite avaliar a estratexia arredor do emprendemento da universidade, así como os resultados das políticas de fomento de emprendemento aplicadas nos últimos anos. Tamén supón unha referencia para realizar melloras nas mesmas, de xeito que se afiance o carácter emprendedor da universidade e do noso alumnado”.

