No Día Mundial do Linfedema a asociación AGL lanza a campaña de sensibilización `Chega a ti´

Os edificios das deputacións provinciais iluminaranse de azul e as áreas sanitarias difundirán un vídeo informativo sobre o linfedema

O 6 de marzo conmemórase o Día Mundial do Linfedema, unha efeméride coa que se pretende difundir e sensibilizar sobre unha doenza que se estima que lle afecta a máis de 100.000 persoas en Galicia, causado nun 90% polos tratamentos contra o cancro.

Dende a Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL), entidade que forma parte de COGAMI, queren sensibilizar sobre esta doenza a través da campaña de difusión `Chegar a ti´ coa que se emitirá un vídeo informativo nas áreas sanitarias de Galicia.

Durante a semana, diferentes áreas sanitarias emitirán, nas pantallas que teñen colocadas nos hospitais e nas súas redes sociais, un vídeo que foi realizado por unha persoa voluntaria da asociación AGL.

Outras das actividades programadas co gallo desta conmemoración será a iluminación de cor azul dos edificios das catro deputacións provinciais iluminarán os edificios con luz azul durante esta fin de semana.

6 de marzo: unha data para a reivindicación

No ano 2021 AGL mantivo unha xuntanza coa xerencia do Sergas a quen lle trasladou todas as necesidades das persoas con linfedema de Galicia esperando que non queden en papel mollado. Algunhas destas necesidades son: a implantación no sistema sanitario público da Terapia Desconxestiva Complexa (TDC) con Drenaxe Linfático Manual para todas as persoas diagnosticadas de linfedema crónico; a realización de diagnósticos rápidos a través de protocolos reais; a necesidade de contar con máis profesionais especializados; o recoñecemento da discapacidade e da incapacidade por linfedema; a cobertura das necesarias Prendas de Compresión; a existencia dunha base de datos real co número de persoas afectadas por linfedema en Galicia e a creación dun centro de referencia de Linfedema.

Outras das reivindicacións trasladadas polo movemento asociativo son reclamar mellores opcións nos tratamentos, máis fondos destinados á investigación, investir en programas educativos para profesionais da saúde e contar cun mellor acceso á atención especializada para as persoas que viven con linfedema.

Que é o Linfedema?

É unha enfermidade crónica e progresiva do sistema linfático que pode causar graves deformidades, discapacidades e complicacións que poden ser potencialmente mortais e tamén causantes de cargas psicolóxicas e económicas.

O linfedema pode ser primario (conxénito ou ideopático) ou secundario por causas diversas como intervencións cirúrxicas, radioterapia, insuficiencia venosa crónica, traumatismos, entre outros.

Segundo a Organización Mundial da Saúde, 1 de cada 30 persoas ten linfedema, patoloxía que afecta entre 140 e 250 millóns de persoas a nivel mundial e que, segundo as propias entidades que defenden os dereitos das persoas que viven con esta enfermidade, non se lle presta a importancia que merece. En Galicia podería haber preto de 100.000 persoas con patoloxías do Sistema Linfático.