Nidia Arévalo participa na clausura do programa Xuventude Mentoring 2025, que impulsa a formación e a inserción laboral da mocidade

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou esta mañá na clausura do programa Xuventude Mentoring na Empresa 2025, celebrada na sede da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), situada no parque empresarial PEMOS. O acto estivo presidido pola directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses, e contou tamén coa presenza do presidente de AEMOS, Manuel Castro, anfitrión da xornada.

Durante o evento, a rexedora mosense destacou o impacto positivo desta iniciativa na empregabilidade da mocidade local e da contorna e no fortalecemento do tecido empresarial da comarca, subliñando “a importancia de seguir creando pontes reais entre formación, empresa e oportunidades laborais, porque investir na xuventude é investir no futuro de Mos”.

O programa Xuventude Mentoring na Empresa 2025, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e xestionado por AEMOS cofinanciado pola Unión Europea, ten como obxectivo mellorar a empregabilidade da mocidade galega mediante estadías formativas remuneradas en empresas locais.

Nesta edición ofreceu estadías formativas remuneradas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, en empresas de sectores estratéxicos da comarca. Esta remuneración permitiu que os participantes se integrasen plenamente nos equipos de traballo das empresas de acollida, asumindo responsabilidades reais e contribuíndo activamente ao desenvolvemento das tarefas profesionais. Tras contactar con máis de 80 empresas, finalmente 10 foron as seleccionadas e 12 participantes completaron con éxito a súa estadía, acadando moitos unha inserción laboral.

 As empresas colaboradoras pertencen a sectores clave da economía galega, como:

  • Metal mecánico: Tecnomicra Mecanizados SL, Rodicut SL, Mecanizados y Oxicortes SL.
  • Agroalimentación: JM Distribucións.
  • Automoción: Grupo Copo, Bagunda Motor.
  • Tecnoloxías da información e comunicación: Folerpa.
  • Calidade de vida e benestar: Down Vigo Asociación Síndrome de Down, Santervas Parcero José Manuel.
  • Sector madeira/forestal: Activa Emprega EI.

AEMOS reafirma, unha vez máis, o seu compromiso coa integración sociolaboral da mocidade, especialmente daqueles colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral. Para iso, contou coa colaboración de dúas entidades do terceiro sector de referencia: ASTEAVI e Down Vigo, cuxo labor foi fundamental para garantir unha participación inclusiva e enriquecedora no programa. Esta sinerxia entre o tecido empresarial e as entidades sociais exemplifica a importancia das colaboracións estratéxicas para construír unha comarca máis cohesionada e con oportunidades reais para todos. Cómpre salientar que máis do 50% dos participantes nas dúas edicións desenvolvidas por AEMOS acadaron un contrato laboral nas empresas de acollida, evidenciando a relevancia desta iniciativa como recurso eficaz para a inserción laboral da mocidade. Esta conexión directa entre formación e emprego real reforza o valor do programa como ponte entre talento novo e tecido empresarial.