«Móvome»: unha iniciativa para contribuír a consolidar un modelo de  mobilidade máis sostible, accesible e económico 

Desde hai máis dun ano aplícanse descontos que chegan ao 50% e case 150.000 mozos teñen a tarxeta Xente Nova.

No primeiro semestre de 2023, o transporte público galego rexistrou 18 millóns de viaxes, o que supuxo un incremento do 17% no número de viaxes con respecto a este mesmo período no ano 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de  Mobilidade, Ignacio Maestro, presentaron a nova campaña de fomento do transporte público  en Galicia, «Móvome». Con esta campaña a Xunta presenta o transporte público galego como  un camiño de presente e futuro. 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade sinalou a decidida aposta da Xunta polo transporte  público, ao que destina case 100 millóns de euros cada ano, é dicir, 300.000€ cada día. Algunhas das medidas postas en marcha nesta dirección son a renovación de case 3.500 liñas  de transporte interurbano, levando o autobús onde antes non chegaba e implantando novas  modalidades; e a renovación das infraestruturas poñendo en servizo as novas estacións  intermodais nas cidades e facilitando a intermodalidade nas vilas. 

Ademais, hai que destacar os incentivos económicos que a Xunta aplica a través das tarxetas de Transporte Público de Galicia. Desde hai máis dun ano aplícanse descontos que chegan ao 50% e case 150.000 mozos teñen a tarxeta Xente Nova, coa cal viaxan gratis por Galicia  aforrando en total case medio millón de euros ao mes. 

Grazas a todas estas medidas, no primeiro semestre de 2023, o transporte público galego rexistrou 18 millóns de viaxes, o que supuxo un incremento do 17% no número de viaxes con respecto a este mesmo período no ano 2022. No verán, esta porcentaxe incrementouse ata o  30% con respecto ao mes de xullo de 2022

A aposta polo transporte público da Xunta radica en tres motivos principais: o contexto climático, xa que cómpre reducir os niveis de contaminación; a dispersión da poboación, que  require dunha oferta de servizos que garanta a mobilidade; e o encarecemento dos  combustibles.