Mos prantará preto de 600 exemplares de especies autóctonas con motivo do Día da Árbore

Hoxe realizouse a entrega de Cereixeiras, Castiñeiros, Carballos, Sobreiras Aciñeiras, Bidueiros, e Freixos entre comunidades de montes, colexios públicos do municipio e Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS

A concellería de Medio Ambiente do Concello de Mos entregou hoxe preto de 600 exemplares autóctonos durante a presentación da prantación árbores simultánea e masiva convocada para o vindeiro Día Mundial da Árbore, xoves 21 marzo.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Neste sentido a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declarou durante a presentación que “con iniciativas coma esta desde a administración local queremos concienciar á veciñanza e aos escolares monsenses na loita contra o cambio climático. Para elo desenvólvese desde o departamento de Medio Ambiente este proxecto de reforestación participativa”.

No acto desta mañá desenvolvido no parque forestal do Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso tamén estivo presente Luis Alfonso Sánchez (Xefe Distrito 18), da Dirección xeral de Planificación e Ordeación Forestal da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, ao que Arévalo, rexedora local mosense, deulle as grazas pola aportación autonómica a este programa de 550 unidades de árbores autóctonas. Tal e como explicou a concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, informoi de que as especies ás que pertencen estas preto de 600 árbores son Cereixeiras, Castiñeiros, Carballos, Sobreiras Aciñeiras, Bidueiros, e Freixos.

A recoñecida mestra mosense da parroquia de Dornelas, e amante do medio ambiente, Dorinda Castro, encargouse da redación dun manifesto conmemorativo do Día da Árbore que se encargou de ler no acto desta mañá en Torroso a súa prima e representante da Comunidade de Montes da Parroquia de Dornelas, Mari Carmen Soliño. A lectura contou con música de fondo a cargo de Rosa, violinista da Escola e Conservatorio Profesional de Música de Torroso.

O reparto de árbores realizouse entre as Comunidades de Montes en Man Común de Mos, Torroso, Guizán, Petelos, Cela, Louredo, Dornelas e Pereiras; os CEIPs de Petelos, Atín-Cela, Pena de Francia, Mestre Martínez Alonso e Mestre Valverde Mayo e a Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS. Todos eles farán unha prantación simultánea de exemplares autóctonos durante a mañá do vindeiro día 21, Día da Árbore e do comezo da Primavera.