Mos facilita o crecemento empresarial do municipio para seguir a xerar riqueza na localidade

O Pleno aprobou definitivamente o Plan Parcial de ordenación do solo urbanizable delimitado industrial SUDI-06 en Veigadaña, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento de solos urbanizables industriais para que Mos continúe crecendo empresarialmente

O Pleno da Corporación Municipal do Concello aprobou definitivamente na última sesión do ano por maioría dos seus membros o Plan Parcial de ordenación do solo urbanizable delimitado industrial SUDI-06 en Veigadaña cos votos a favor do equipo de goberno e o grupo do PSOE e en contra do BNG.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo, José Ramilo, declararon a este respecto que o obxectivo do devandito Plan é “facilitar o desenvolvemento de solos urbanizables industriais no municipio para que poidamos seguir crecendo empresarialmente e que se siga a xerar riqueza na nosa localidade”.

Os representantes municipais, Arévalo e Ramilo, informaron así mesmo de que, tras desta aprobación definitiva en Pleno, o seguinte paso é a publicación no Boletín Oficial do Estado, BOE.

O SUDI-06 dispón dun total de preto de 13.000 metros cadrados (12.847 para ser exactos) na zona da Veigadaña, dos que case 9.000 metros cadrados (8.880) son de superficie edificable nos que se pode construír cunha altura máxima de 14 metros.

Rexedora local e edil de Urbanismo explicaron que “o desenvolvemento do SUDI-06 vai vencellado ao trazado do Camiño de Santiago que discorre por parte do perímetro do devandito solo industrial, de xeito que se levarán a cabo medidas de integración paisaxística como o apantallamento visual mediante un cordón verde de especies arbóreas e arbustivas”.

Ademais co desenvolvemento do SUDI-06 xeraranse 22 novas prazas de aparcamento e o promotor do solo industrial debe ceder polo prazo de 10 anos un espazo próximo aos 2.000 metros cadrados de superficie que obriga tamén a dito promotor ao mantemento da urbanización do SUDI-06.