Mos estrea FP Básica de Servizos Comerciais

O Instituto mosense acolle o seu primeiro curso de Formación Profesional Básica en Servizos Comerciais, especialidade elixida ante a maior oferta laboral na zona

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro, visitaron onte, acompañadas pola directora do Instituto, aos 14 mozos e mozas que están a estrear a Formación Profesional no Concello de Mos.

Nunca antes na historia do municipio o IES impartira FP, e faino por primeira vez neste curso 2023-2024. Trátase da FP Básica de Servizos Comerciais (Comercio e Márketing), titulación que foi elixida tras dunha exhaustiva valoración conxunta entre dirección e profesorado do centro, membros da ANPA, Concello e AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) en función da maior demanda de perfís laborais detectada tanto na localidade mosense coma na súa contorna.

Deste xeito, e grazas á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o IES de Mos conta dende este curso 2023/2024 coa impartición de FP Básica no centro.

Dende o Inicio do curso escolar, o IES de Mos conta coa FP Básica de Servizos Comerciais, que na actualidade conta con 14 alumnos/as.

Os estudos de FP Básica son estudos que se dirixen ás persoas que non finalizasen a ESO e queiran proseguir a súa formación reglada. Converténdose deste xeito nunha oportunidade motivadora para o alumnado, que contempla medidas metodolóxicas adaptadas ás características especificas do alumnado e que inclúe orientación educativa e profesional.

Ó finalizar os dous anos de duración de FP Básica, o alumnado acada o título de Técnico Básico e o Titulo de Graduación en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Na súa visita ao IES de onte a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, animou á rapazada a esforzarse para conquerir esta titulación en Servizos Comerciais, que ademais lles garantirá o título da ESO, e motivounos para que continúen a formarse unha vez rematada a Formación Profesional Básica.