Mos emprende medidas tributarias de aprazamento, suspensión e devolución de impostos ante a crise do COVID-19

Concello de Mos.

Créase unha conta de correo electrónico (dudastributoscovid19@concellomos.es) a disposición dos contribuíntes para poder solventar as dúbidas

A Comisión Municipal de Seguemento da evolución do COVID-19 que se reuniu por videoconferencia acordou unha serie de medidas tributarias para axudar aos contribuíntes mosenses durante a presente crise do coronavirus.

Ademais a alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, e o edil de Facenda, Alberto Méndez anunciaron que se creou unha conta de correo electrónico: dudastributoscovid19@concellomos.es a disposición dos contribuíntes para poder solventar as dúbidas relativas ao pago e liquidación de tributos locais, así como para recibir calquera proposta en materia fiscal que se analizará para estudar a súa aplicabilidade.

As devanditas medidas, segundo informaron Arévalo e Méndez, son:

  • O imposto de rodaxe IVTM retrásase do 1 de xuño ao 1 de xullo e amplíase o prazo de pago de 2 a 3 meses, polo que os contribuíntes terán do 1 de xullo ao 30 de setembro para facer o pago.
  • No marco das potestades normativas e de autonomía financeira do Concello, lévanse a cabo as adaptacións normativas para reducir certas taxas como a instalación de terrazas na vía pública, quioscos e mesmo, de considerarse oportuno, suprimir
  • Ao mesmo tempo inícianse trámites para a devolución de oficio das partes proporcionais das taxas vencelladas a actividades económicas que mor da crise do coronavirus non se teñan realizado ou se teñan visto mermadas como poderían ser os pagos por apertura de furanchos; ou, para os particulares, outras como as de uso da piscina municipal e instalacións deportivas, axuda no fogar
  • O prazo de pago para todos aqueles tributos que estiveran pendentes de pagamento en período voluntario desde a declaración do estado de alarma, incluíndo os pagos de fraccionamentos de débedas, quedan prorrogados ata o 30 de abril de 2020. Por exemplo, imposto de construcións (ICIO), vados, … etc.
  • Todas as posibles liquidacións que se podan chegar a practicar, incluíndo fraccións de pagos, dende o 18/03/2020 amplían o seu período de pagamento ata o 20 de maio de 2020 (poderán pagarse como mínimo ata o 20/05/2020); no obstante, sendo conscentes de que o estado de alarma pode ampliarse máis tempo do inicialmente previsto, tal e como observamos cunha primeira prórroga de quince días xa proxectada, o Concello de Mos non descarta ampliar/incrementar estes prazos e mesmo revisar o calendario fiscal ampliando e/ou modificando prazos de pagamento. Por exemplo, imposto de construcións (ICIO), vados, … etc.

En calquera caso, rexedora local e concelleiro de Facenda quixeron lembrar esta mañá a “tódolos mosenses e contribuíntes do Concello de Mos que, se teñen calquera dificultade económica derivada das circunstancias actuais, non dubiden en solicitar o fraccionamento do pago das súas débedas para evitar que o pago de tributos reste liquidez e recursos a quen máis o precisan nestes intres”.

Para o caso dos tributos locais delegados no ORAL, como é o IIVTNU coñecido como plusvalía ou o IBI, así como a recadación executiva haberá que atender ás indicacións e prazos que indique a Deputación de Pontevedra.