Mos aproba por unanimidade unha moción para instar a Transportes a solucionar a problemática das infraestruturas viarias que atravesan o concello

O óptimo mantemento da A55 e A52, conexión da N550 coa A55 dirección Tui, e a liberación da peaxe da AP9 en O Porriño, son algunhas das reclamacións que se acordou realizar ao Ministerio durante o Pleno de onte

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Mos aprobou onte por unanimidade dos seus membros unha moción proposta polo goberno local para solicitar de forma urxente ao Ministerio de Transportes a solución para o mantemento da A55 e A52, conexión da N550 coa A55 dirección Tui, e liberación da peaxe da AP-9 en O Porriño.

Mediante a aprobación unánime desta moción acordouse instar ao Ministerio de Transportes, o arranxo integral e urxente das estradas da súa competencia en Mos, concretamente da autovía A-55 ao seu paso por Mos, con rehabilitación total do firme de todo o vial, dende Vigo a Porriño, con asfalto antirruido (Fonoabsorvente) e asfalto antideslizante.

Instar ao Ministerio de Transportes, ao arranxo e mantemento os carrís de incorporación  e servizo a mencionada autovía A-55, os taludes e as vías de servicio paralelas (roza, limpeza, mantemento, beirarrúas,etc…), manter a súa iluminación,  así como a construción das rotondas necesarias na antiga N-120 na zona de Ramilo e a rotonda ao nó de confluencia de entrada e saída a Mos por Puxeiros e arranxo do paso inferior á altura de A Rans (P.K. 10+000).

Instar ao Ministerio de Transportes ao estudo e execución dun acceso á A55 dende a N550 o seu paso por Amieirolongo, que desvíe o tráfico pesado da zona urbana de Sanguiñeda, solicitando que de xeito inmediato se realice o desvío pola A52 e posterior incorporación a A55 deste tráfico.

Solicitar ao Ministerio de Transportes, a liberación total da peaxe do tramo da AP-9, dende Puxeiros a Porriño, co fin de liberar de tráfico rodado da A-55 a maior brevidade posible. Instar a que se execute tamén en Mos o Plan de Acción contra o ruído do Ministerio de Transportes, coa implantación de medidas contra o ruído na A-55 e na A-52 en Puxeiros-Tameiga e Cerqueirás e Amieirolongo en Sanguiñeda, etc. E solicitar ao Ministerio a modificación da estrada nacional 550 (Estrada Porriño a Redondela) a travesía urbana nos tramos que discorren dende o cruce do camiño vello de Santiago (Amieirolongo) ata o vial municipal do mesmo nome e o tramo do cruce de entrada ao Pazo de Mos, chamado cruce de Torroso.