Mos ampliará en preto de 5.000 m2 o parque da auga da Pesqueira para facer del un espazo de lecer de case 8.500 m2

A administración local vén de aprobar en Xunta de Goberno a compra de terreos a tal fin

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que esta semana aprobouse en Xunta de Goberno Local o expediente de contratación e pregos de compra de terreos para a ampliación do Parque da Auga da Pesqueira.

A actuación proposta polo Concello de Mos no devandito parque dará resposta á gran demanda de usuarios da xa existente primeira fase desta infraestutura de lecer ao aire libre, ao carón do Paseo do Río Louro, na Pesqueira, parroquia de Mos.

Trátase pois dun interese público para o que surxe a necesidade de adquirir unhas parcelas colindantes co actual parque municipal da auga na Pesqueira. Xa que actualmente o espazo do parque existente quédase curto para absorver a elevada demanda de zonas de esparcemento público para as persoas. O parque actual está diferenciado en 4 zonas que acollen parque da auga, parque infantil, zona elementos biosaludables e zona de esparcemento.

Preténdese, coa adquisición das parcelas, ampliar as 4 zonas dotándoas de máis elementos de xogo e esparcemento, e acadando unha superficie final total de 8.477,00 m2.

Resulta idónea a ampliación do parque existente porque está no Paseo do Louro, o que supón unha vantaxa de excelente ubicación como área de lecer dunha zona moi transitada. Na zona non existen outras parcelas que reunan as condicións con igual idoneidade para a finalidade pretendida, porque son todas colindantes co actual parque.

A superficie actual do parque municipal da auga da Pesqueira ascende a 3.710,00 m2, máis a superficie a adquirir para realizar a ampliación de 4.767,00 m2, suporá un parque da auga de superficie total final de 8.477,00 m2.