Nace coa vocación de ser un espazo de innovación creativa de referencia
O concello de Mos acolleu este martes a inauguración oficial do novo Creativity Lab de O Castro British International School, un espazo educativo innovador que redefine os contornos de aprendizaxe a través da integración da metodoloxía STEAM, a tecnoloxía avanzada e o traballo colaborativo, co obxectivo de preparar ao alumnado para os retos do século XXI.
Ao acto asistiu a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto a representantes de Globeducate, da dirección do centro e de entidades punteiras do ámbito educativo, científico, empresarial e institucional, nunha xornada que converteu a O Castro nun auténtico punto de encontro entre innovación pedagóxica e tecido socioeconómico.
O novo Creativity Lab é un espazo dinámico, flexible e especialmente deseñado para fomentar a creatividade, a experimentación e a aprendizaxe práctica. Conta con mobiliario modular e recursos tecnolóxicos que permiten adaptar o espazo ás necesidades de cada proxecto, favorecendo o traballo en equipo e a conexión entre distintas áreas do coñecemento, desde a ciencia e a tecnoloxía ata a arte e as matemáticas.
Durante a inauguración, o alumnado foi o gran protagonista, amosando o funcionamento real do laboratorio a través de actividades de programación, robótica, construción, expresión artística, análise de datos e presentacións de proxectos. Estas demostracións puxeron de manifesto a capacidade do novo espazo para converter o alumnado en creador de coñecemento, reforzando a aprendizaxe activa e o pensamento crítico.
A alcaldesa de Mos destacou a importancia deste tipo de iniciativas para o desenvolvemento do municipio: “A apertura deste Creativity Lab reforza o posicionamento de Mos como un concello comprometido coa innovación, co talento e coa educación de calidade. Espazos coma este conectan a formación co futuro e contribúen a atraer proxectos educativos internacionais que xeran oportunidades, coñecemento e progreso para o noso territorio”.
Nidia Arévalo puxo tamén en valor a colaboración entre centros educativos, empresas, ciencia e institucións, sinalando que “a educación é unha tarefa compartida e un dos piares fundamentais para construír unha sociedade máis preparada e competitiva”.
A posta en marcha do Creativity Lab enmárcase dentro do plan de mellora continua das instalacións de O Castro British International School, ao que se suman outros espazos como a Black Box para oratoria e artes escénicas e a Green Zone, vinculada ao programa de aprendizaxe ao aire libre The Journey, integrado no currículo desde as primeiras idades.

