A deputada do BNG e candidata número 2 pola circunscrición de Pontevedra mantivo un encontro en Vigo coa Federación REDE, de usuarias e familiares de residencias e dependencia
O BNG mantivo esta mañá en Vigo un encontro con representantes da Federación Galega de Usuarias e Familiares de Residencias e Dependencia REDE, para abordar a situación dos servizos asistencias e residencias de maiores. No mesmo tomaron parte a deputada, e candidata número 2 polas circunscrición de Pontevedra, Montse Prado, a candidata número 3, Alexandra Fernández e mais o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero.
Ao remate, Prado expresou o compromiso por facer do «cambio radical no modelo de atención das persoas maiores» unha verdadeira prioridade para o novo Goberno galego. «A crise fixo emerxer a realidade latente nas residencias. Unha situación que no Partido Popular coñecían», afirmou.
Para a deputada nacionalista o «drama» vivido nas residencias foi derivado do modelo asistencial da Xunta, que na súa opinión «actúa como representante comercial ao servizo das empresas privadas do sector».
Investigación e novo modelo
Prado subliñou que o 45% do total dos falecementos rexistrados en Galicia a causa da Covid19 se produciran entre usuarios de residencias.
Diante desta realidade, a candidata acusou o PP de pretender actuar como «se nada tivese pasado». Neste sentido, defendeu a necesidade de crear unha Comisión de Investigación que poña luz. «Galicia precisa poñer en marcha un modelo público, con servizos suficientes, dotado do persoal necesario, coa debida atención sanitaria e con centros máis reducidos e próximos ao territorio. Ese é o compromiso do BNG», resumíu.

