A Praza da Paradela converterase este fin de semana no escenario da II edición do Mercado de Nadal do municipio, que hoxe acolle o tradicional Certame de corais de Panxoliñas
Tras o parón obrigado pola pandemia hai un ano, o Auditorio Municipal Lois Tobío acollerá hoxe, a partir das 20.30 horas, unha nova edición do Certame de Panxoliñas “Concello de Gondomar”. Sobre o escenario a Coral Polifónica Santa Eulalia de Donas e a Coral “A Merced” de Chaín, que interpretarán, como é tradicional, os seus propios repertorios, e unirán as súas voces nas pezas finais, elixidas para a ocasión.
Xa o domingo 19 de decembro, a partir das 11.00 da mañá e ata a 19.00 horas, a Praza Paradela acollerá a celebración da II edición do Mercado de Nadal no que participarán un total de 21 postos, decorados para a ocasión, nos que se poderán adquirir produtos de diferente índole como roupa, xoguetes, libros, artesanía ou mesmo coñecer o labor que desenvolven asociacións como a de Baisenpulgas.
Mañá de festa que estará amenizada polo Pasarúas que realizará a Rondalla AVV Galiñeiro de Vincios que sairán desde a Alameda de San Benito para baixar pola rúa principal ata chegar á Praza da Paradela onde interpretarán unhas pezas.