Medio centenar de estudantes de Enxeñaría Biomédica inician o curso académico no Álvaro Cunqueiro

Os 50 estudantes de 2º deste grao universitario cursarán no hospital varias materias completas

Esta formación universitaria está orientada á investigación e desenvolvemento de equipos electrónicos utilizados para o diagnóstico e a práctica clínica

O Grao de Enxeñaría biomédica é impartido por 16 profesores asociados en Ciencias  de Saúde, dos que 12 son médicos e 4 son profesionais doutras disciplinas

O Sergas incorporou, por primeira vez, a categoría de enxeñeiro superior biomédico ás  listas de selección de persoal estatutario temporal

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo deulle hoxe a benvida oficial aos 50 estudantes de 2º Curso do Grao de Enxeñería Biomédica da Universidade de Vigo que recibirán parte da súa formación no Complexo vigués.

Na presentación oficial, presidida pola directora Asistencial da Área Sanitaria de Vigo, Susana Cerqueiro, tamén participaron o director da Escola de Enxeñaría, Juan Pardo; o coordinador de Grao, Antonio Riveiro; e o coordinador clínico do hospital, o doutor Alberto Fernández Villar.

A enxeñaría biomédica é unha ciencia interdisciplinaria baseada na medicina, na bioloxía e na enxeñaría. É fundamental para unha variedade de tecnoloxías sumamente innovadoras e de produtos ou procesos do sector da asistencia sanitaria.  Trátase dunha  formación universitaria orientada á investigación e ao desenvolvemento de equipos electrónicos utilizados nos centros sanitarios para o diagnóstico e a práctica clínica así como noutros campos da medicina, como a Telemedicina, a Xestión sanitaria e Equipamento.

En conclusión, o seu obxecto é aplicar os principios e coñecementos da enxeñaría industrial, da telecomunicación e informática ao campo da medicina e da tecnoloxía de produtos sanitarios.

16 profesores asociados e 5 materias completas no hospital

O Grao de Enxeñaría Biomédica é impartido por 16 profesores asociados en Ciencias da Saúde, dos que 12 son médicos e 4 son profesionais doutras especialidades. Dos 360 créditos do Grao, 33 créditos (o 9%) se imparten exclusivamente no hospital.

A partir do 2º curso, os alumnos e alumnas cursarán 5 materias completas -teoría e práctica- no hospital: Estrutura e Patoloxía Médica e Estrutura e Patoloxía Cirurxía (en 2º curso); Enxeñería Clínica e Hospitalaria, e Fundamentos da Tecnoloxía Hospitalaria (en 3º curso); e Tecnoloxía  Hospitalaria en cuarto.

O Sergas incorpora a enxeñaría biomédica ás listas de contratación

O envellecemento da sociedade, o aumento da gravidade das enfermidades crónicas e o incremento dos custes da asistencia sanitaria estanse a converter en retos mundiais. Dado que a tecnoloxía desempeña un papel clave no sector dos servizos de sanidade, as actividades de investigación, innovación e desenvolvemento en enxeñaría biomédica, xunto cos servizos médicos e asistenciais, son desafíos importantes na sociedade actual.

Por este motivo, o Sergas ofertou a finais do pasado ano, por primeira vez, incorporar a categoría de enxeñeiro/a superior biomédico/a ás listas de selección de persoal estatutario temporal. Así, dado que no 2022 rematou a primeira promoción de enxeñaría biomédica, coa apertura das listas vanse incorporar estes graduados superiores  ás prazas que procedan, co fin de desenvolver, aplicar, manter e xestionar tecnoloxías biomédicas no sistema de saúde.