Marta Fernández-Tapias resalta a importancia da comunicación estratéxica “como garantía de éxito das organizacións” na apertura do I Foro DIRCOM Galicia

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra destacou a necesidade destas xornadas para “reciclarnos, formarmos e intercambiar experiencias e boas prácticas así como debater sobre cuestións relacionadas coa comunicación neste momento que vivimos”

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández- Tapias, participou este martes no Círculo de Empresarios de Galicia na apertura do “I Foro DIRCOM Galicia. La Comunicación estratégica” xunto á presidenta de DIRCOM Galicia, Tesa Díaz-Faes e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.  “Trátase dun foro moi necesario, que nos permite reciclarnos, formarnos e intercambiar experiencias e boas prácticas” así como “debater e reflexionar sobre cuestións relacionadas coa comunicación que necesitan unha atención especial neste momento que vivimos”, asegurou a vicepresidente na apertura do encontro.

Fernández-Tapias, que comezou a súa intervención resaltando o papel estratéxico de Vigo no ámbito empresarial e da comunicación, incidiu na importancia da comunicación estratéxica “como garantía de éxito de toda organización, xa que repercute positiva nos resultados das empresas e institucións e en como se vai construíndo e afianzando a reputación corporativa”. Tamén tivo oportunidade de reflexionar sobre o impacto das novas tecnoloxías, da dixitalización, Internet e as redes sociais na comunicación estratéxica,  que obriga aos seus profesionais a enfrontarse a novos retos como o aumento da confianza, a necesidade de dirixir e motivar equipos de comunicación cada vez máis cualificados e preparados, o uso de datos, o desenvolvemento de novos roles profesionais, así como a importancia de chegar á audiencia nun mundo hiperconectado ou  de construír relacións en tempos de desinformación.

O “I Foro DIRCOM Galicia. La Comunicación estratégica”, impulsado pola asociación DIRCOM Galicia que está integrada por máis de 40 directivos e profesionais da comunicación que exercen en Galicia, naceu para concienciar ao tecido empresarial galego sobre o valor engadido que aporta ás compañías unha boa xestión da Comunicación Corporativa. Deste xeito nesta primeira xornada, que acolleu o Círculo de Empresarios de Vigo, afondouse na reputación, no propósito corporativo e liderado, na comunicación interna e na atracción de talento, nos asuntos públicos e as relacións institucionais, na sostibilidade e na comunicación externa e a xestión de crises. Neste primeiro encontro participaron como conferenciantes Yago de la Cierva, profesor do IESE Business School; José Manuel Velasco, coach e formador en Comunicación e liderado; Carmen Lence, CEO de Lence-Grupo Leche Río; Federica Pirovano, de Comunicación interna de INDITEX; Beatriz Mato, directora de Asuntos Corporativos de Greenalia; José Fernández- Alva, director xeral de DIRCOM; María Victoria Sánchez, directora de Comunicación de Nauterra; Margarita Hermo, directora de Comunicación de Jealsa; María Canle, directora de Comunicación global de El Pulpo; e Patricia Forteza, directora de Comunicación de Quirón Salud en Galicia.