Marea Galeguista aposta por un tren de proximidade para a área de Vigo

A formación aposta pola transferencia das competencias ferroviarias do estado

A cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Peque González, o número dous por Pontevedra, Andrés Núñez Rajoy, e outros membros da candidatura da Marea Galeguista reclamaraon na estación de Guixar de Vigo a transferencia das competencias en transporte ferroviario para ser xestionadas pola Xunta.

O obxectivo sería a creación dun tren de proximidade para as grandes áreas metropolitanas de Galicia. A Marea Galeguista plantexa a optimización do servizo para o eixo Vilagarcía-Pontevedra-Vigo, co obxectivo de convertilo no medio de transporte prioritario. “Queremos que as persoas que viven nas grandes áreas urbanas do país teñan o tren como referencia principal nos seus traslados diarios e para iso hai que adaptar o seu funcionamiento á nosa realidade. Un exemplo claro desas áreas é o eixo Vilagarcía-Pontevedra-Vigo, que abrangue arredor de 600.000 persoas, e a conexión da cidade con Ourense. Queremos un modelo semellante ao que xa teñen en Cataluña. Galicia merece os mesmo dereitos”, dixo González.

A candidata resaltou a importancia do proxecto tamén no eido ambiental: “Se temos un servizo de tren que funcione de verdade, que xestionemos as galegas e os galegos, coñecendo as nosas necesidades, conseguiremos ter un tren que sexa un medio de transporte sustentable e de uso maioritario. Hai uns días Ecologistas en Acción sacoulle a bendeira negra a empresas contaminantes. Nós sacámoslle a bandeira verde ao tren”.

“Parece que pola Covid-19 quedou olvidado o problema do cambio climático. Para a Marea Galeguista o cambio pasa por apostar por transportes verdes sustentables, que reduzan a pegada de carbono, coa meta de que Galicia chegue ás emisións cero no ano 2040”, engadiu. O obxectivo da Marea Galeguista e tamén crear unha rede de mercadorías que conecten as cidades, os polos e os aeroportos, dun xeito moderno e sustentable, cun obxectivo claro: reducir as emisións derivadas da mobilidade particular interurbana e do transporte de mercadorías por estrada, que constitúen o 25% das emisións do transporte e dos usos residenciais en Galicia.