Marea Galeguista aposta por recuperar a Consellería de Cultura

A cabeza de lista Peque González participa nun acto co director da Editorial Galaxia

A cabeza de lista pola provincia de Pontevedra da Marea Galeguista, Peque González, e a número tres pola provincia, Sara Valenzuela, reuníronse este martes en Vigo con Francisco Castro, director da Editorial Galaxia. No encontro tratouse a situación problemática pola que atravesa o sector tras a pandemia e a necesidade de crear unha consellería de Cultura específica.

“A Marea Galeguista priorizará a creación dunha consellería de cultura específica. Precisamos que haxa un organismo que enfocado ao cen por cen neste sector, tan fundamental para Galicia e que xera tanto postos de traballo”, dixo Peque González.

Francisco Castro, nese sentido, incidiu na importancia do sector cultural e editorial en Galicia, en especial no momento actual de dificultades como consecuencia da crise sanitaria: “O Observatorio da Cultura Galega calcula que hai 1000 empregos perdidos desde que empezou a crise da COVID-19 no sector cultural. Durante dous meses estivemos sen facturar nada. E despois houbo unha devolución masiva de mercancía para que os libreiros puidesen subsistir”.

Castro engadiu que Galicia é a comunidade autónoma con máis librarías por habitante do estado e, sen
embargo, “semella que á consellería a cultura lle molesta”. “Isto non vai de ideoloxías. No noso consello hai xente de todas as orixes”. Castro tamén salientou que a Editorial Galaxia nunca repartiu dividendos, dedicándoos, cando os houbo, á produción cultural. “Esta é a casa común do galeguismo”, concluíu.