Marea de Vigo valora positivamente as primeiras liñas do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado

Rubén Pérez: “A concreción de kilómetros de vías de AVE ou de autoesrrada son cuestións secundarias nun momento coma o que estamos a vivir, no que a necesidade está en investir os recursos en materia de reconstrución económica e coberturas sociais”

Marea de Vigo considera unha “boa nova” que haxa máis dun 151% máis de recursos para as políticas de Dependencia que cando gobernaba o Partido Popular, un 145% máis para Sanidade, ou máis do 60% máis para Educación e Cultura

A pesar de non coñecer o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 de xeito pormenorizado nin as partidas que lle corresponderán a Vigo, Marea de Vigo cualifica o proxecto como “moi positivo” xa que os “grandes números” coñecidos ata agora “tamén paliarán a situación económica de moitas familias viguesas ao tratarse de investimentos expansivos en materia de Política Social, Dependencia, Educación e Sanidade” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Marea de Vigo concorda co obxectivo do Goberno do Estado sobre cambiar o foco dos investimentos, “poñéndoo no que ten que ver coas políticas de reconstrución económica, tendo en conta todo o acontecido trala pandemia e agora baixo a situación inflacionista” sinala Pérez, engadindo que “poñer novamente o obxectivo no cemento e no ladrillo é trabucarse de prioridades agora mesmo”.

Para Marea de Vigo é unha obviedade que “estamos nun momento no que o gasto en Dependencia, Sanidade, Educación ou Cultura son absolutamente necesarios como elementos dinamizadores da economía” lembra o voceiro, que considera que e “a concreción de kilómetros de vías de AVE ou de autoestrada son cuestións secundarias no momento como o que estamos a vivir, no que a necesidade está en investir os recursos en materia de reconstrución económica e coberturas sociais”.

Á espera de coñecer o articulado e a concreción dos investimentos para a nosa cidade, Marea de Vigo reitera en que “hai parte deses investimentos que non deben ser postergados, como a saída sur, a Biblioteca Pública do Estado ou as melloras para determinadas infraestruturas estratéxicas para a economía da cidade” conclúe o portavoz.