“Á vista do novo prego para conceder medio millón de euros nun convenio de promoción cultural no auditorio Mar de Vigo, cómpre non volver a repetir o sistema arbitrario levado a cabo co TerraCeo, criticado ademais pola CNMC” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo

O pasado 28 de outubro, tras a denuncia da Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia (APTEGA), a Comisión Nacional do Mercado e a Competencia, a CNMC, afeaba a decisión do Goberno de Abel Caballero de ter outorgado, unica e exclusivamente, unha subvención de 430.000 euros á empresa Organización de Ideas de Éxito SL, por non ofrecer xustificación suficiente e por conter, entre as bases reguladoras da subvención, elementos que  resultaban, segundo a CNMC, “contrarias ao principio de non discriminación do artigo 18 LGUM”.

Hoxe, o Goberno local leva á Xunta de Goberno local un novo prego para a concesión da devandita subvención no período deste ano, mais, segundo explica Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo, “se ben eliminaron os artigos que foron obxecto da resolución da CNMC, o Goberno local parece pretender asegurarse de obter, na práctica, o mesmo resultado, levando á aprobación un prego que semella estar “teledirixido” para que sexa a mesma empresa a que obteña a devandita subvención”.

Neste asunto, o que resulta “absolutamente chamativo”, segundo Oriana Méndez, é que “nun espazo supostamente público só se poidan executar iniciativas culturais e musicais procedentes do mesmo xestor actual, que vén sendo herdeiro da mesma empresa que levou á quebra o Auditorio Mar de Vigo e que agora, se nada cambia, volverá recibir unha subvención de medio millón de euros a través do prego que hoxe cuestionamos”.

O Grupo municipal remitirá escrito a CNMC cuestionando o novo prego en base a anterior resolución da propia CNMC e á lexislación de aplicación en canto ás garantías de libre concorrencia. “O uso arbitrario por parte do promotor titular da xestión auditorio Mar de Vigo e o propio Goberno local debe rematar xa. Levamos pedindo unha ordenanza reguladora de subvencions desde o 2015, que elimine o sistema que exerce o Goberno de Abel Caballero, de premio e castigo, amiguismo e intereses partidarios” recalca a concelleira.