Oriana Méndez: “Vemos unha forte aposta por virar o espazo de VigoSónico cara á industria do márketing a través dun convenio coa fundación Paideia, pero moi pouco compromiso co que, de xeito claro e público, estaban pedindo os grupos que ensaiaban no VigoSónico, cando xa non hai escusas para non abrir esas salas”
No pasado mes de xaneiro, o Goberno de Abel Caballero votou en contra da moción da Marea de Vigo que pedía como único acordo a rearpertura das instalacións do VigoSónico, “un espazo que ata marzo de 2020 estaba destinado, fundamentalmente, a pór a disposición dos grupos locais os únicos locais de ensaio públicos que quedaban en Vigo, despois de que este Goberno local pechara as do Castro e da Casa da Xuventude e, con elas, os servizos complementarios que se desenvolvían nesas instalacións para a mocidade” lembra Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.
Nese Pleno, o concelleiro López Font afirmaba que “íamonos sorprender co que virá para Vigosónico, co que estaban preparando, dando a entender que non só non se ía pechar, senón que ía ser moito máis ca unhas salas de ensaio” afirma Méndez. Hoxe por hoxe, segundo a concelleira, “o único que temos son salas de ensaio que seguen pechadas para centos de persoas que as empregaban, e un convenio coa Fundación Paideia a partir do cal estableceron unha serie de servizos novos dentro do espazo do VigoSónico relacionados co marketing musical, co couching, etc, e nós seguimos preguntándonos: canta xente de Vigo se apuntou a eses cursos que ninguén lles estaba pedindo?”.
Marea de Vigo considera positivo que un Goberno local “faga máis do que se lle pide, tendo iniciativa política para mellorar os servizos”, mais, “se se está demandando encarecidamente por parte dos usuarios e usuarias que se reabra un servizo que en ningún momento baixara a súa demanda – engade a concelleira -, e non só non a abren senón que deciden armar algo á marxe das demandas destas persoas, non é aceptable”
“O único que temos, a día de hoxe, son decisións políticas que deixan sen servizo a máis de 200 bandas locais, así como a moitas outras veciñas e veciños, maioritariamente mocidade, que empregaban as instalacións para cursos de fotografia, de iniciación á edición de son, etc” conclúe a concelleira Oriana Méndez.

