Rubén Pérez: “Se o Concello non garante un espazo para o proxecto educativo da escola infantil Santa Marta así como a matriculación a partir do mes que vén,  será o primeiro concello do estado que pecha prazas públicas de educación de 0 a 3 anos”

O Grupo municipal da Marea de Vigo fixo un chamamento urxente ao Goberno local para dar solución á problemática da escola infantil de Santa Marta ante o derrubamento previsto. “Que a escola infantil ía ser derrubada era algo sabido polo Goberno local, xa que figuraba no convenio urbanístico para o Barrio do Cura, igual que figuraba o espazo para a nova ubicación da mesma” engadiu Rubén Pérez, voceiro do Grupo. “Sabendo isto – sinalou – era fácil ter unha previsión sobre como e cando ian empezar as obras, en concreto nesa zona, e como e cando se produciría o traslado á nova escola infantil”.

Para a Marea de Vigo, “a primeira neglixencia é do Concello, quen cremos que ten que solventar con urxencia esta situación, tendo ademais que contar cos períodos de matriculación dos nenos e nenas”, períodos que darán comezo no vindeiro mes de marzo.

Rubén Pérez lembrou ademais que o Goberno local propuxo a posibilidade da reubicación no Picacho, completando o seu itinerario curricular, “mais, á vista das actuais instalacións dese centro, é evidente que non cumpre o preciso para contar con nenos e nenas de 0 a 3 anos por non poder contar estes cun espazo aillado do resto (deben poder durmir e contar cun comedor propio con persoal)”.

“Xa sabemos que segundo o convenio urbanístico é obrigatorio a construción dunha nova escola no ámbito do barrio, de feito non facelo sería un delito urbanístico” incidiu Rubén Pérez. “Mais o problema é o tempo que vai pasar entre a demolición da actual escola e o funcionamento da nova, que vai pasar co persoal e que alternativas vai ter a veciñanza da zona para matricular aos nenos e as nenas. De non facer nada ao respecto, seríamos a primeira cidade do estado que pecha e destrúe prazas de ensino público de 0 a 3 anos. Non existe precedente algún. Se o Goberno de Abel Caballero non é capaz, que pida axuda á Xunta”.

Marea de Vigo presentou tamén hoxe emendas á ordenanza fiscal reguladora da prestación do servizo das escolas de primeira etapa de educación infantil na que formulou unha serie de propsotas encamiñadas a  aumentar esa subvención pública para este ano 2021, e asistirá esta tarde ás 17h á mobilización convocada por FOANPAS en defensa da continuidade do proxecto da Escola de Santa Marta.