Marea de Vigo urxe actuacións no espazo público do Barrio de Freixeiro

O voceiro Rubén Pérez subliña que, «cercado por PERIS durante anos que condicionaron a rehabilitación e mantemento da rede viaria», o barrio é «sen dúbida un dos grandes esquecidos das actuacións públicas»

Marea de Vigo urxe actuacións no espazo público do Barrio de Freixeiro ante a degradación de beirarúas, pavimentos e a falla de dotacións públicas.

Neste sentido, o voceiro do Grupo municipal, Rubén Pérez, lembra que Freixeiro “ten aínda unha rúa pechada dende hai máis de tres anos”, a rúa Camiño Freixeiro, polo desprendemento dun muro “sen que o Concello aclararase cando e quen ten reparalo”. De tratarse dunha finca que figura no inventario municipal ou é dun propietario privado, supón “un agravio comparativo evidente cos veciños e veciñas de Freixeiro”, algo que é “impensable”, segundo Pérez, que aconteza nun vial do centro ou de outros barrios da cidade.

Marea de Vigo denuncia que dende hai décadas que non se actúa en moitas beirarrúas do barrio co argumento de que todo o ámbito está afectado por un PERI e que a urbanización correspondería facela ao que desenvolvese o mesmo. “O certo é que nin de desenvolveron os mesmos durante anos e o Concello non foi quen de asumir o erro de pretender que os viais públicos sexan acondicionados por actuacións privadas e realizar un acondicionamento con recursos públicos” sentenza o voceiro. No novo PXOM moitos deses PERIS desaparecen e “xa debería ser o Concello o que actuara de xeito inmediato ante as recorrentes denuncias de veciños e veciñas así como da propia AAVV” engade Rubén Pérez.

Marea de Vigo lembra que eventos que se realizan no pavillón Municipal de Travesas, como recentemente o concerto de Bryan Adams, ou competicións deportivas teñen desplazado ao barrio camíons de gran tonelaxe “que teñen afectado ao mobiliario urbano, a exemplares de árbores do barrio e mesmo ao pavimento de rúas e beirrúas” enfatiza Pérez.

“Freixeiro é o exemplo claro do esquecemento permanente de barrios e parroquias fronte ao investimento desaforado no centro urbano, onde se concentra a maior parte das actuacións de rehabilitación urbana, algo que é establecer de xeito inmoral unha dobre categoría de cidadanía que Marea de Vigo considera inxusta porque impostos pagan todos os vigueses e viguesas” conclúe o voceiro municipal.