Marea de Vigo urxe á remodelación integral das pistas de atletismo de Balaidos co orzamento do 2021

A concelleira, Oriana Méndez.

A concelleira Oriana Méndez subliña que «o estado das instalacións e a falla de persoal, froito das recentes privatizacións para a xestion de espazos deportivos da cidade, amosan unha falta absoluta de interese por parte do Goberno local»

Marea de Vigo urxiu hoxe á remodelación integral das pistas de atletismo de Balaidos , así como á súa cubrición, con cargo ao orzamento do 2021. Neste sentido, a formación sinala que tamén se podería incluír esa reforma integral nos usos do remante de tesourería ou ser financiadas con cargo ao superávit que vai xerar o exercicio 2020. «Mesmo tamén pode ser financiable con recursos dos fondos europeos que chegarán o ano que vén», engada Oriana Méndez, concelleira do grupo.

Marea de Vigo volve a denunciar, tras telo feito no ano 2015 e 2018, a «situación que viven ducias de atletas profesionais na nosa cidade, cunhas pistas que, aínda que recuperaron recentemente a homologación para competicións oficiais por parte da Federación Española de Atletismo, seguen a necesitar unha rehabilitación integral das instalacións e mesmo a cubrición das pistas para permitir seguir realizando entrenos e competicións en situacións climatolóxicas adversas».

Neste sentido, Oriana Méndez reclama «a necesidade de consignar unha partida orzamentaria para acometer dunha vez por todas unha reforma integral dun espazo que empregan ducias de deportistas profesionais e amateurs» ao xa denunciado sobre «o estado das instalacións e a falla de personal para o mantemento e apertura e peche das mesmas».