O voceiro, Rubén Pérez, denuncia a «falta de execución orzamentaria, que nos trae a novembro con más de 40 millóns sen executar»
Na rolda de prensa ofrecida esta mañá, Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, trasladou a postura da formación no debate plenario que terá lugar no día de mañá, tras ser rexeitada a súa emenda á totalidade ao proxecto orzamentario do Goberno local para o 2021. «Se nos recoñece a capacidade para que o concello invista nas axudas directas en política social, ou ao sector de comercio e hostaleria , tal e como solicitamos na nosa emenda, mais nesta ocasión admiten que non o van facer por unha cuestion politica, é dicir, de vontade«, subliña.
Pérez denuncia que, «na liña dos pasados anos, o goberno de Abel Caballero estivo todo o ano enchendo os medios con anuncios de investimentos que nunca foron executados». E entre estes puxo como exemplo a cubrición dos patios dos colexios públicos, «que levan enchendo horas e páxinas dende hai anos e apenas se teñen executado».
O vocerio da Marea de Vigo alerta de que, na actualidade, o orzamento do 2020 ten máis de 40 millóns sen executar, «gran parte dos investimentos anunciados no ano 2020 xa non se van levar a cabo, e eses recursos pasarán novamente ao superávit e de ai aos remanentes».
«Isto xa non era aceptable sen crise da Covid-19, mais na situación actual, é absolutamente irresponsable. Tendo opcións de axudar aos sectores máis perxudicados, este Goberno prefire persistir na falla de investimento e no xogo político de adxudicarlle á Xunta toda a responsabilidade«, matizou Pérez.
Neste sentido, o líder da formación denuncia que o proxecto do PSOE vigués «non se parece en nada aos orzamentos que se están aprobando nos concellos do país, nos que as prioridades non son o gasto en obra pública máis do necesario».
Pérez tamén fixo alusión a certas cuestións que serán discutidas no Pleno de mañá como «manter 2 millóns de euros para concertos ou 3 millóns para as liñas aéreas cando non hai garantía de cal vai ser a situación dentro de varios meses é outra irresponsabilidade, cando ademais si que sabemos como vai estar a economía local a principio de ano e cales son os sectores que máis precisan de investimento urxente».
Do mesmo xeito, Marea de Vigo insta tamén ao Goberno local a «escoitar ao Consello Social da cidade», celebrado nos pasados días, onde representantes do tecido económico, social, veciñal e sindical da cidade «insistiron na necesidade de investimento directo á economía viguesa».

