Pide mobilizar 10 millóns de euros que sairían 5 de modificacións orzamentarias do actual orzamento 2020, e 5 máis cando o Goberno libere recursos propios dos concellos e novos usos aos existentes para o superavit de 2019
Marea de Vigo propón axudas de 1.000 euros por negocio e complementos por traballador/a así como axudas á cobertura dos custes empresariais. “Queremos poñer exactamente o foco na procedencia dos recursos necesarios sen colocar ao Concello de Vigo nunha situación económica delicada” indica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal de Marea de Vigo. “As e os autónomos, o pequeno comercio, a hostelería e o sector servizos emprega a miles de persoas na nosa cidade, supón un sector determinante na economía viguesa. Falamos de máis de 18.000 persoas en rexíme de autónomos/as e miles de empregos directos e indirectos que, de non dinamizarse despois do levantamento do estado de alarma poden cronificar os efectos dunha crise económica da que aínda estabamos saíndo e lastrada dende 2008” sinala o voceiro.
A proposta do espazo municipalista céntrase en 3 eixos: bonificar e establecer exencións en impostos e taxas municipais, reorientar e modificar partidas do orzamento actual do Concello de Vigo e que previsiblemente terán pouca ou nula execución ou que terán máis recursos dos finalmente orzamentados e unha forte campaña de promoción do comercio local.
Marea de Vigo propón exención do lixo industrial durante o periodo de alarma e con posibilidade de ampliación ate decembro de non mellorar a situación económica aproveitando a rebaixa do cánon de sogama que vai ser efectiva en 2020 e que ten que repercutir no contribuínte. Propón ademais tarificar por urxencia por consumo real o auga e saneamento, ate decembro de 2020. “É unha proposta realista xa que somos conscientes de que ate ter unha nova concesión non poderemos xeralizar este mecanismo de consumo real, mais agora si que podemos establecer a excepcionalidade da medida de emerxencia” matiza Rubén Pérez. Por outra banda Marea de Vigo propón a readaptación, por motivos obvios de emerxencia, dos orzamentos municipais plantexando modificacións concretas para reorientar recursos orzamentarios de xeito inmediato e habilitar xa 5 millóns de euros do Orzamento do 2020 coas seguintes modificacións:
PARTIDA | MODIFICACIÓN |
PROMOCIÓN TURÍSTICA DESTINOS RUTAS AÉREAS (2.855.200) | 2.855.200 |
FESTAS DE VIGO (1.900.000) | 900.000 |
INSTALACIÓN E MANTEMENTO DO ALUMEADO DE NADAL (930.057)* | 400.000 |
PROGRAMA DE DECORACIÓN Y ANIMACIÓN NADAL (515.000)* | 300.000 |
Investimento mellora Balaídos (3.800.000)** | 544.800 |
TOTAL | 5.000.000 |
Os outros 5 millóns que Marea de Vigo propón como investimento para este fin están supeditados ao compromiso do goberno expresado xa nas medidas tomadas despois de declarar o estado de alarma de artellar modificacións lexislativas que flexibilicen a regra de gasto para todas as entidades locais con superávit para empregos que sexan de carácter finalista. Marea de Vigo pide tamén no seu documento o artellamento de políticas ambiciosas de fomento da compra no comercio local, mediante campañas de sensibilización contra o impacto que plataformas de compra online e con actuacións municipais directas e planificadas como reforzo efectivo e fomento da actividade económica local e de proximidade.