Marea de Vigo tilda de «moi grave» que diretivas de asociacións asinaran a adhesión ao indulto do funcionario municipal condeado sen consultar aos socios

Os voceiros do grupo, Rubén Pérez e Oriana Méndez, nun pleno municipal.

Esta situación, apuntan nun comunicado, incluso «pode chegar a implicar a dimisión ou a destitución das devanditas diretivas e que dende logo lexitiman a todas as persoas asociadas ás entidades a pedirlles responsabilidades as súas diretivas e presidentes asinantes»

No marco da firma por parte de numerosas asociacións da cidade dun documento para pedir o indulto do ex alto cargo do Concello condeado por enchufar á cuñada de Carmela Silva nunha concesionaria municipal, na que percibiu 108.000 euros sen ir a traballar, Marea de Vigo cualificou hoxe de «moi grave» esta situación.

A formación lembra que no movemento veciñal ou asociativo «non existen os modelos presidencialistas» e cualifica como unha «vulneración das garantías democráticas e das normas que rexen o tecido veciñal» o feito de non ter sometido dita firma a asembleas. Esta situación, apuntan nun comunicado, incluso «pode chegar a implicar a dimisión ou a destitución das devanditas diretivas e que dende logo lexitiman a todas as persoas asociadas ás entidades a pedirlles responsabilidades as súas diretivas e presidentes asinantes».

Marea de Vigo manifesta que toda asociación veciñal é lexitima para soster os posicionamentos políticos que considere, «estando nesta ocasión ante un feito de posicionamento político evidente», mais o que «non é de recibo é que esa adhesión non sexa sometida ao máximo órgano de decisión que figura na meirande gran parte dos estatutos das AAVV, entidades deportivas, culturais, comunidades de montes e colectivos de todo tipo».

Por este motivo, instan á veciñanza asociada a estas entidades a facer valer os seus dereitos de expresión e de decisión democrática que entende, polas numerosas queixas que o Grupo municipal está a recibir, foron «vulnerados de xeito perigoso coa sinatura das peticións de indulto a unha persoa condeada por prevaricación sen o concurso dos órganos democráticos da entidade».