Rubén Pérez: “É unha triste nova que chega nun momento de perigo real de lumes na masa forestal periférica da cidade que só reflicte unha falla total de capacidade organizativa por parte tanto do Goberno local como da Xefatura do servizo de extinción de incendios”

Marea de Vigo volve denunciar este ano a situación que se está a dar no Servizo Municipal de Extinción de Incendios. Tal e como denunciaron onte as centrais sindicais, “de novo no mes de agosto, como no ano pasado, volvemos a ter unha falla de previsión e organización que significa o peche dun parque municipal de bombeiros, tal e como aconteceu no día de onte no parque de Coruxo”.

Ao déficit de efectivos súmase un serio problema de creación de novas prazas para o servizo mentres non se cambie a Lei Montoro, “mais, mentres isto non suceda, o que ten que haber por parte dun goberno local responsable é unha planificación dos efectivos, tendo en conta os períodos vacacionais do persoal, ao igual que no resto dos servizos municipais” incide Rubén Pérez, insistindo na necesidade de que “sexan axilizadas as ofertas de emprego público actuais para reforzar o servizo de bombeiros/as e poder contar así cos mínimos que garantan tanto o servizo como a seguridade do persoal”.

Igualmente, Marea de Vigo pide que se estude a creación de bolsas de emprego “como xa funcionan nalgúns concellos do Pais Vasco que, non sendo o óptimo, permitirian ampliar cadro de persoal mentres non se cambie a normativa” explica Pérez.

Para a Marea de Vigo, o feito de non ter efectivos suficientes nun momento como o actual, con un elevado risco de lumes pola situación climática e de seca, sumado ao incremento de eventos multitudinarios no verán, “non só é unha irresponsabilidade con respecto ao servizo que se debe garantir senón que é unha falla total de seguridade para o persoal, poñendo en risco a súa integridade física ao non poder saír as unidades completas” matiza o voceiro.

Segundo a Marea de Vigo, “trátase dun problema que se ven repetindo nos últimos veráns, e polo tanto, é previsible” suliña Pérez, polo que se van pedir explicacións no vindeiro Pleno municipal.