Marea de Vigo sostén que o Concello non ten tomado todas as medidas necesarias para a optimización do consumo de auga

Rubén Pérez: “Todo apunta a que Xunta e Concello van abrir unha nova lea co estudo de alternativas de abastecemento realizado por unha consultora e que xa conta con obxeccións por parte da administración autonómica”

Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, afirma que “existen incoherencias manifestas entre os argumentos que sosteñen, en concreto sobre a falla de máis de 100 millóns de euros de investimentos na rede municipal por parte do Concello”, investimentos que explican o incremento a case 29 euros da cota fixa do recibo da auga en Vigo dos 7,6 euros anteriores.

En canto ao expresado polo Concello, “reducindo todo a trasvases e á construción de novo encoro”, dende Marea de Vigo sempre se sostivo que a rede de abastecemento aínda ten km de tubaxe obsoleta de fibrocemento e forxado, que non existe un plan real de empregar os recursos da ampliación da concesión de Aqualia en priorizar investimentos que eviten desperdicio de auga e que “se verdadeiramente tivesemos un servicio público de abastecemento e saneamento e non un ‘negocio privado’, os consumos e perdas estarían máis regulados e o aforro de auga sería enorme” matiza o voceiro.

Marea de Vigo discrepa profundamente na “teima” de non abordar todas estas melloras e optimización da rede e “apostar polo fácil” pero ambientalmente insostible, como é estudar novos encoros nos ríos Oitaven e Verdugo, ou o bombeo de auga dende o Miño. “Son solucions que non teñen o consenso da sociedade civil, dos concellos afectados e especialmente dos colectivos ambientais que levan anos denunciando as graves deficiencias na política de abastecemento que Concello, Augas de Galicia e Confederación Hidráfica Miño-Sil” sinala Rubén Pérez.

Marea de Vigo lembra que a ordenanza reguladora que actualmente rexe o servizo e os prezos do suministro e saneamento “puido ser unha oportunidade para modificar os hábitos de consumo de auga na cidade, facendo que a veciñanza notase na factura que aforrando auga pagan menos” e deste xeito ter unha optimización inmediata do recurso. “Mais esta oportunidade non foi asumida polo Goberno local – prosigue o voceiro -, que limitouuse a levar a cabo unha modificación dos criterios de reparto económico, pasando a cuota fixa do suministro aos investimentos”.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo considera que a cidade “perdeu o tren” da auga pública, dos servizos públicos de calidade e con carácter social que evitarian determinados prezos no suministro e saneamento que moitas familias viguesas en situación de exclusión social non son quen de asumir. “No seu lugar – sinala Pérez -, imos seguir tendo un servizo municipal privatizado, imos seguir pagando o mesmo ou máis gran parte da veciñanza, e dende logo os anuncios de aforro e eficiencia expresados polo Goberno de Abel Caballero non se van dar en ningún caso”.

As solucións de garantir abastecemento sen mellorar de xeito inmediato a totalidade da rede (actualmente se renova maioritariamente cando se intervén nunha humanización no centro urbano) son “a todas luces solucións ambientalmente insostibles e incluso económicamente máis insostibles para as administracións públicas” conclúe o portavoz.