Marea de Vigo solicita un novo proxecto orzamentario que «teña en conta á veciñanza e a realidade económica que estamos vivindo a consecuencia da COVID-19»

Rubén Pérez: “A proposta orzamentaria do Goberno de Abel Caballero non está feita para o futuro económico da cidade, está pensada nun Vigo no que é posible seguir consignando máis de dous millóns de euros para as festas de verán, máis de tres millóns para as compañías aéreas e nun Vigo que pode seguir asumindo competencias impropias como as bolsas de inglés pero segue negándose a asumir dous millóns de euros para empregar en políticas de promoción social”

O grupo municipal fundamenta na emenda á totalidade cuestións xa presentadas tanto en anteriores procesos de debate orzamentario como nas recentes emendas aos empregos dos remanentes de tesourería.

“Co contido da nosa emenda, pretendemos que o Goberno local reflexione sobre o que vai significar o vindeiro ano 2021 en termos económicos na situación de crise provocada pola COVID-19” asegura Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo. A proposta orzamentaria do Goberno local “é prácticamente igual á de anos anteriores. Os investimentos están previstos baixo as mesmas prioridades dos exercicios anteriores, prioridades que sempre cuestionamos alén do feito de quedar sen executar gran parte desas partidas” engade. “Precisamente – prosigue – a cuestión que queremos trasladarlle ao Goberno de Abel Caballero é se considera que o vindeiro ano 2021 vai ser un ano ‘normal’ e que non estamos ante unha situación totalmente inédita que obriga a repensar os orzamentos municipais”.

Na  emenda da Marea de Vigo inclúense varias propostas concretas para incorporar ao proxecto orzamentario. Entre elas destacan as axudas directas e políticas de promoción de actividade aos sectores máis perxudicados pola crise da COVID-19 como a hostalería e pequeno comercio, para evitar no posible o peche dos mesmos no ano 2021. Axudas “que nada teñen que ver coas bonificacións anunciadas polo alcalde” incide Rubén Pérez, sendo estas taxas bonificadas con carácter habitual na maior parte dos concellos. “O que non tería sentido sería cobrarlle o lixo e a auga a un sector hostaleiro que está pechado” engade o voceiro.

“Pedimos que se complementen determinados gastos en políticas sociais chegando alo menos aos 100 euros por habitante en gasto social, colocándonos próximos ao gasto que fai a cidade da Coruña ou Lugo. Pedimos chegar aos 29 millóns de euros, 10 máis dos orzamentados.

Marea de Vigo incide nas súas propostas sobre o solicitado nas súas emendas para o uso dos remanentes. “Pedimos ao Goberno local que se non queren telo en conta para os remanentes, o consideren para o proxecto orzamentario” conclúe o voceiro municipal.