Para Marea de Vigo, o informe de fiscalización do Tribunal de contas de Galicia sobre o orzamento municipal do 2018 pon de relevo «a mala xestión da contratación pública por parte do Goberno de Abel Caballero»
“Unha xestión baseada en demasiadas ocasións nun sistema de premio e castigo, un sistema que lonxe de igualar á cidadanía, posicionaa como súbdita ou como inimiga” afirmou Rubén Perez
Esta mañá, Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo ofreceu unha rolda de prensa na que valorou o informe de fiscalización do Tribunal de Contas de Galicia sobre o orzamento do 2018 no Concello de Vigo, o que, segundo o voceiro, “non é unha sorpresa”, xa que “non se trata de ninguna novidade cando xa no mesmo 2019 tivemos un Pleno para aprobar un Plan financeiro por ter incumprido o teito de gasto e o obxectivo anual de estabilidade orzamentaria a consecuencia do desembolso do auditorio Mar de Vigo”.
“O Concello de Vigo ten liquidado valiosos recursos para facer fronte ao rescate dun morto –referíndose ao Mar de Vigo- no que se dilapidaron, ademais dos 35 millóns de euros de remanente e superávit, 5 millóns de euros obtidos da venta dos pisos de Rosalía, cando se podían ter feito actuacións en materia de vivenda pública ou ter completado o catálogo de servizos sociais con eses recursos” afirmou o voceiro.
Alén disto, o informe vén poñer enriba da mesa “o mesmo que fumos dicindo dende o ano 2015” sinalou Pérez. “Por unha banda, o desastre de xestión en materia de recursos humanos, cando en lugar de executar o capítulo un dos orzamentos, relativo á contratación de persoal público, consígnanse miles de euros en ‘outro persoal’, o que non é mais que unha plataforma para devolver favores a través de contratos”.
Igualmente, Marea de Vigo tamén leva dende o ano 2015 solicitando unha Ordenanza Reguladora de Subvencións, “que regulase como se dan as subvencións públicas e como se consignan partidas para, por exemplo, un festival coma o TerraCeo” apunta Rubén Pérez. A este respeto, o informe “vén dicir que o criterio de concesión de subvencións do Goberno local de Abel Caballero é absolutamente arbitrario” sentencia. “Non estamos falando de eliminar todas as subvencións nominativas, como pode ser a de O Marisquiño. Cando unha persoa ten unha idea ou un proxecto que pode resultar beneficiosa para a cidade, esa idea debe dotarse de recursos” engade.
Alén disto, o voceiro tamén destacou o “escándalo” de que as arcas do Concello deban conter máis de 50 millóns de euros só para pagar as indemnizacións e rescates de concesións, “como é o caso, ademais do devandito auditorio, dos aparcadoiros de Jenaro de la Fuente e Castelao, a XER, etc., algo que non é máis que froito desa mala xestión da contratación pública neste Concello, sobre a que ninguén quere asumir ningún tipo de responsabilidade” conclúe o voceiro.