Marea de Vigo rexistra unha moción a prol dun modelo público de xestión directa de atención a dependentes

Ante a realidade das residencias privadas de maiores amosada na crise da covid-19, diferentes colectivos sociais, organizados na Alianza Galega polos Servizos Sociais Públicos e Dependentes convocaron unha movilización para o vindeiro 11 de xuño para a que o Grupo municipal da Marea de Vigo pide apoio na moción na defensa dos servizos públicos rexistrada no día de hoxe

A crise derivada da COVID19 amosou de xeito descarnado o que en Galicia levaban anos denunciando traballadoras e asociacións de familiares sobre as residencias de maiores e, en xeral, sobre a atención a dependentes. “O Partido Popular, dende a Xunta de Galicia, impuxo un modelo privatizador da atención a maiores que prioriza o negocio sobre o dereito a unha atención de calidade” matiza Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

Tal e como expresa a moción, “en Galicia, o 77% das prazas en residencias pertencen ao sector privado. Aínda que temos unha das poboacións máis envellecidas do Estado español, o noso ratio de prazas é máis baixo que a media estatal. Temos, polo tanto, unha demanda crecente de prazas e unha oferta escasa, o cal revela a existencia dun suculento pastel para o negocio particular”.

No tocante á situación na nosa cidade, e segundo explica Oriana Méndez, “nestes momentos, en Vigo existen soamente tres residencias de titularidade pública. Atendendo ás demandas das principais centrais sindicais e aos colectivos de pensionistas, sería necesario construír tres novas residencias de maiores en Vigo.  Cando chegou a crise do coronavirus, na área de Vigo contabamos con 72.000 persoas xubiladas, pero só dispoñíamos de 2.080 prazas en residencias para maiores e, delas, só 604 -é dicir, o 29%- son públicas”.

Marea de Vigo comparte as demandas dos colectivos e súmase á lectura feita por estes con respecto aos elementos que motivaron a terrible situación vivida nas pasadas semanas. “Na última década, a Xunta de Galicia de Núñez Feijóo tomou decisións conscientes para converter a atención dos nosos maiores nun campo propicio para unhas poucas empresas amigas, capitalizadas con fondos voitre na procura de pingües beneficios.

Só así se explica que en Galicia levemos os mesmos anos que leva gobernando Alberto Núñez Feijóo sen crear nin unha soa nova praza en ningunha residencia de xestión pública directa”. “Polo tanto – explica a concelleira –  é necesario apostar por un cambio de modelo que protexa a vida e a atención digna e de calidade aos nosos maiores como un dereito. O lucro non pode estar por riba dos dereitos. A mercantilización da saúde constitúe un perigo para a vida das persoas, polo que a implantación e a defensa dun modelo de titularidade e de xestión pública é fundamental. Temos que protexer o dereito aos coidados, o dereito a unha atención digna aos nosos maiores, por riba de calquera beneficio económico privado”.

1 COMENTARIO

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí