Marea de Vigo reitera a necesidade de escoitar á veciñanza para aprobar o orzamento municipal e vota en contra das contas na Comisión de Facenda

A concelleira, Oriana Méndez.

«Non entendemos porque o Goberno local ignorou as demandas do movemento veciñal, que presentaron alegacións perfectamente documentadas, posibles e cun emprego realizable de recursos», razoa a concelleira Oriana Méndez

Marea de Vigo insistiu hoxe na necesidade dun proxecto orzamentario participativo, «especialmente neste momento político, e cun orzamento que sumando remanentes e orzamento superará por primeira vez na facenda local viguesa os 300 millóns de euros«. Así o detallou hoxe Oriana Méndez, concelleira do Grupo.

«De novo o Goberno local ignora a madurez política da sociedade viguesa e decide que o proxecto orzamentario non só non teña un capítulo participativo previo á elaboración do mesmo, senón que desoe de xeito palmatorio as sucesivas reclamacións de liñas de axudas e proxectos que den pulo ao proceso de reconstrución económica e loita contra o impacto que a crise da Covid-19 ten en Vigo: reclamacións das AAVV, do sector comercial e hostaleiro, do tecido cultural da cidade, etc… que foron trasladadas públicamente e por rexistro ao Goberno local», detallou Méndez.

Por este motivo, Marea de Vigo votou en contra das contas na Comisión de Facenda, e votará en contra tamén no Pleno do vindeiro 23 de decembro, xa que, segundo Oriana Méndez, «non foron escoitadas as ducias de propostas trasladadas pola Marea de Vigo e outros grupos da oposición, especialmente as solicitudes de axudas directas ao sector da hostelería e o comercio local«.

A formación demandaba tamén a habilitación de partidas orzamentarias para o sector cultural da cidade, «proposta que engarzaba cos reiterados chamados do sector cultural da cidade a habilitar axudas en réxime de concorrencia competitiva, programas específicos e asesoramento para proxectos culturais abocados a permanecer pechados ou con serias limitacións de difusión e aforo», expoñe Oriana Méndez.

Marea de Vigo plantexa o seu voto negativo como «unha devolución da proposta de orzamento xeral do Concello de Vigo para o 2021 á Xunta de Goberno Local para a apertura dun novo período de elaboración do mesmo con criterios participativos, centrados na realidade da crise económica e social creada pola pandemia da COVID-19 na cidade, e, polo tanto, cun criterio de elaboración do proxecto orzamentario coas prioridades antes descritas».