A concelleira Oriana Méndez sinala que “aplicar as tallas porque as árbores están doentes non é unha política de protección do patrimonio arbóreo”
Ante as novas talas na Gran Vía, Marea de Vigo insiste na necesidade de elaborar un Plan Director do Arboredo “que garanta a preservación do patrimonio arbóreo e a biodiversidade, así como a saúde integral das árbores tendo en conta as especificidades e necesidades de cada especie en canto a calidade e espazo do solo, podas e demáis coidados para o seu óptimo ciclo de desenvolvemento” sinala Oriana Méndez, concelleira do grupo, co obxectivo de evitar estas tallas, “a todas luces a causa dunha total deixadez á hora de elaborar políticas para o coidado da biodiversidade do noso entorno” engade a concelleira.
Hai un ano, Marea de Vigo levaba ao Pleno unha moción para a creación dun Plan Director do Arboredo, “para, precisamente, evitar o que estamos vendo novamente hoxe na Gran Vía: A talla masiva de árbores por recomendación dun informe técnico únicamente impulsado pola execución das obras para poñer as rampas no bulevar” sinala Oriana Méndez.
Entre as propostas da Marea de Vigo, o Grupo considera necesario velar periodicamente polo estado de saúde das árbores. “Aplicar as tallas porque as árbores están doentes non é unha política de protección do patrimonio arbóreo. Cómpre aplicar un control integrado de pragas e de enfermidades, así como potenciar e difundir o valor das plantas beneficiosas, favorecendo o desenvolvemento da vexetación espontánea” afirma a concelleira. “É preciso planificar o arboredo coma unha infraestrutura verde que se estende en forma de rede por toda a cidade, de maneira semellante a como o fan o resto de infraestruturas e servizos urbanos” conclúe Oriana Méndez.

