A formación presenta unha moción para o seu debate no pleno na que intriduce tamén a posibilidade de axudas ao sector desde a administración local dentro das súas competencias, como bonificacións nas tarifas da auga
O Grupo municipal vén de manter unha xuntanza coa Plataforma de imaxe persoal ‘Creer en nosotros’, trala que anuncia o rexistro dunha moción para debater no pleno municipal na que propón baixar ao 10% o IVA a perruquerías, barberías e centros de estética.
Neste sentido, o voceiro, Rubén Pérez, subliña que esta «reivindicación da plataforma é absolutamente necesaria, nun sector que en Galicia da traballo a máis de 20.000 persoas”.
«Trátase dun sector moi danado pola crise da COVID-19 mais tamén pola decisión unilateral do Goberno central no 2012, cando se lle subiu o tipo de IVE do 8 ao 21%», sinala Pérez.
Pérez apunta que coa subida do ano 2012 desapareceron centos de establecementos en Galicia -arredor de 8.000 en todo o estado-, e «agora trátase de impedir que se continúe co peche de máis establecementos con esta baixada do IVE que se está a reclamar».
No texto da moción, introdúcese tamén a posibilidade de axudas ao sector desde a administración local dentro das súas competencias, como bonificacións nas tarifas da auga, «especialmente agora, que coa subida aprobada polo Goberno vigués, estase producindo un incremento notable en moitos negocios da cidade nos que o consumo de auga é relevante, coma o caso das perruquerías», engade Rubén Pérez.

