Marea de Vigo presentará emendas ao proxecto de orzamentos xerais do Estado para volver a demandar investimentos como o soterramento da VG20 ou a Biblioteca do Estado

Os voceiros do grupo, Rubén Pérez e Oriana Méndez, nun pleno municipal.

O Grupo municipal valora positivamente o maior investimento en materia de dependencia que vai ser trasladado ás CCAA, así como os programas en materia de emprego xuvenil e de cobertura social presentes neste proxecto orzamentario

Marea de Vigo presentará emendas ao proxecto de orzamentos xerais do Estado para volver a demandar investimentos como o soterramento da VG20 ou a Biblioteca do Estado.

Fronte a isto, o grupo municipal valora positivamente o maior investimento en materia de dependencia para Galicia ou o aumento de máis do 80% nas partidas para o emprego xuvenil “son boas novas que consideramos ademais necesarias na conxuntura actual” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, “e que van afectar directamente na veciñanza viguesa” engade.

“Igualmente – prosigue Pérez – , seguimos atopando os erros recurrentes no tocante aos investimentos para a nosa cidade, como é o caso da variante de Cerdedo, sobre a que seguimos pensando que é unha equivocación volver a tela en conta”.Marea de Vigo demanda máis investimento para a saída sur, xa que, segundo lembra Rubén Perez, “é o segundo ano no que deberíamos ter consignado nos orzamentos políticas importantes en materia ferroviaria priorizando a saída sur e incluso propoñendo estudos para a reutilización e mellora da liña do Miño como alternativa á variante de Cerdedo”.

Marea de Vigo insiste na aposta pola Biblioteca Pública do Estado, e lamenta que “outro ano máis se consignen outros 50.000 euros para formular un estudo, cando debería estar xa enriba da mesa o proxecto construtivo e o deseño desta infraestrutura na cidade” incide o voceiro.

Outro “gran ausente” para a Marea de Vigo é o soterramento da VG20, así como a construción de pantallas “para paliar o ruído que leva anos denunciando a veciñanza do barrio de Navia” engade Rubén Pérez.

Do mesmo xeito, desde o grupo se cualifican os investimentos consignados á Zona Franca coma un “bluff”, xa que, “estes investimentos quedarán sen executar, tal e como quedaron no presente ano, ao tratarse, a priori, de proxectos de complicada execución” critica Rubén Pérez.

“Imos trasladar unha serie de emendas nesta liña que cremos poderían mellorar o proxecto orzamentario para Vigo, ao igual que fixemos nos pasados anos, e de xeito acorde con moitas das demandas da cidadanía viguesa” conclúe o voceiro municipal.