Marea de Vigo presentou hoxe unha EMENDA Á TOTALIDADE á modificación orzamentaria que será levada a pleno proximamente e coa que o goberno local quere mobilizar 32 millóns de euros
Na súa proposta, Marea de Vigo reclama dar un uso alternativo aos recursos “toda vez que o Ministerio de Facenda habilitou o uso destes recursos para evitar as consecuencias da crise sanitaria, prorrogándoo ao 2023 coa conxuntura da situación de alza de prezos”
Marea de Vigo presentou hoxe unha emenda á totalidade á modificación orzamentaria aprobada na Xunta de Goberno local para o uso do remanente. Con esta modificación o Goberno local quere mobilizar 32 millóns de euros para o seu uso puntual en diferentes áreas funcionais do Concello, coma se se tratase de recursos orzamentarios normais.
A Marea de Vigo denuncia que, unha vez máis, dende o goberno local se volven asignar recursos extraordinarios a usos habituais que non corresponden ás prioridades para as que se liberaron por primeira vez os aforros dos concellos do Estado. Así, o voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, critica que se pretenda empregar esta dotación orzamentaria “para financiar gasto ordinario e dar cumprimento a sentenzas xudiciais, en vez de establecerse unha formulación global de uso dos recursos que se caracterice pola motivación que deu lugar á posibilidade de empregalos: a reconstrución económica e social tras dous anos de pandemia”.
Marea de Vigo non comparte esta mobilización de recursos extraordinarios para cubrir necesidades de gasto de diferentes departamentos tales coma pagar reparacións na casa da Xuventude, ampliar o gasto do nadal, indemnizar a unha concesionaria como Dornier que sistematicamente incumpre o prego da súa concesión ou cumprir cunha sentenza que obriga a satisfacer un convenio económico co RC Celta. Baixo esta modificación queren destinarse tamén parte destes recursos a cuestións tan pouco transparentes coma a creación dunha rede de subvencións e gasto publicitario baixo a denominación “MARCA VIGO”.
“Non compartimos estes usos”, sinala o voceiro do Grupo Municipal, “porque como xa dicíamos en anteriores modificacións orzamentarias propostas: a maior parte destas actuacións poden ser financiadas con recursos orzamentarios normais, procedentes do superávit non executado de anos anteriores, e especialmente porque nin teñen urxencia nin son propias dunha lectura social e de reconstrución económica ante a crise da COVID-19 e a situación de crise inflacionaria que está a provocar o conflito de Ucraína con consecuencias que producen cada día un incremento das alertas dunha posible recesión económica e de aumento dos problemas de integración socioeconómica de miles de familias Viguesas”
Marea de Vigo acompaña a emenda cunha proposta de liñas de actuación en materia económica que van dende a creación dun parque público de vivenda dotado de 5 millóns de euros, a concreción de aumentos significativos no gasto social, en políticas culturais ou a mellora de infraestruturas viarias no rural da cidade por un importe equivalente aos 32 millóns de euros propostos polo goberno local.

