Marea de Vigo prepara unha batería de propostas para o borrador e documento inicial estratéxico do PXOM

A formación lamenta que a primeira xuntanza sobre o Plan cos grupos municipais do Concello se produza mañá, xa co borrador do PXOM e o Documento Inicial Estratéxico asinados

Marea de Vigo prepara unha batería de propostas para o borrador e documento inicial estratéxico do PXOM, que achegará mañá a primera xuntanza sobre o Plan cos grupos municipais do Concello. Unha reunión, que, como lamenta o voceiro da formación, Rubén Pérez, «chega tarde, xa que tanto o borrador do PXOM como o Documento Inicial Estratéxico están asinados dende novembro do ano pasado«.

Neste sentido, Pérez lembra que o grupo municipal de Marea de Vigo «leva meses reclamando que os traballos do PXOM foran informados no Consello da Xerencia de Urbanismo, e non filtrados a medios de comunicación sen coñecemento dos grupos municipais».

«Dende a entrega en decembro de 2018 do documento de metodoloxía xeral e diagnose socio-económica ate a remisión durante o confinamento do borrador e do documento inicial estratéxico á Xunta de Galicia, non se ten abordado co conxunto da corporación, de xeito amplo, os aspectos relacionados co novo PXOM”, incide Pérez.

Marea de Vigo dará traslado de ducias de propostas e suxestións «que teñen sido reiteradamente anunciadas polo noso grupo municipal». Estas propostas, expón o concelleiro, «van dende unha maior concreción do aumento do 65% en zonas verdes da cidade, a correción da progresión inxustificada de máis de 50.000 vivendas que conten o borrador, a necesidade de clarificación do solo urbano non consolidado e o urbanizable, a falla de delimitación dos espazos dotacionais así como aspectos relacionados coa implementación do PXOM no espazo metropolitano a efectos de organizar e racionalizar o solo industrial e o sistema de redes de transporte».

Con todo, Marea de Vigo lamenta que «finalmente non se apostase por un proceso participativo previo para o diagnóstico socio-ambiental, económico e territorial do modelo de cidade que queremos e especialmente da Memoria Informativa do mesmo xa que nin grupos municipais nin sociedade civil puideron aportar nesta fase».

Do mesmo xeito, a formación segue a reclamar a participación aberta e horizontal cidadá, un proceso transparente en todos os procesos de elaboración do PXOM, a articulación dun Consello sectorial municipal de seguimento do PXOM e a constitución dunha Comisión municipal específica alén do Consello da Xerencia de Urbanismo.