Marea de Vigo pídelle a Caballero que se poña á fronte da defensa do acceso á vivenda digna

A formación demanda un compromiso real por parte do alcalde de Vigo e presidente da FEMP coa aplicación da nova Lei de Vivenda, “máis alá de declaracións de intencións” 

Marea de Vigo pediu hoxe que o alcalde de Vigo, Abel Caballero se poña á fronte da defensa do acceso á vivenda digna. Neste sentido, a formación subliñou que poden entender que o alcalde de Madrid sexa “absolutamente belixerante” contra as medidas que o Goberno de coalición vai implementar na futura Lei de Vivenda, “pero o que sería inasumible é que Vigo, e o presidente da FEMP, remaran contra a devandita Lei no aspecto máis central da proposta lexislativa que atañe aos concellos”, como é a posibilidade de elevar o IBI un 150% ás vivendas baleiras, “entendendo baleiras como sen estar habitadas nin ter consumos permanentes de auga e luz durante dous anos”, subliña o voceiro Rubén Pérez.

Para a Marea de Vigo, trátase “dun mecanismo esencial para mobilizar a vivenda baleira que pode perfectamente ser alugada e que en Vigo xa supera os 10.000 inmobles, o 25% do parque existente segundo recoñece o documento do futuro PXOM de Vigo” engade o voceiro.

Marea de Vigo xa viña recurrentemente solicitando nas revisións anuais dos prezos e taxas públicas que o Concello de Vigo gravase ás vivendas baleiras desocupadas e especialmente as de propiedade de entidades de crédito cun incremento no IBI do 50%. “Agora, coa nova lei de vivenda – sinala Rubén Pérez -, este incremento pode ser do 150% a iniciativa do Concello”, decisión que Marea de Vigo aplaude nunha cidade onde o alugueiro aumentou “de xeito espectacular” e, a oferta, tal e como denunciaba a moción aprobada no Pleno do mes de setembro presentada polo Grupo municipal da Marea de Vigo, diminúe. “Lastrada, entre outras cousas, pola frenética irrupción de vivendas turisticas antes ofertadas no mercado do alugueiro” engade o voceiro.

Marea de Vigo reitera que gravar no IBI das vivendas desocupadas xa era posible aproveitando o que neste sentido xa recollía a Lei de Facendas Locais dende xaneiro de 2003, cuxo artigo 72.4 establece o seguinte: Tratándose de inmuebles de uso residencial que se encuentren desocupados con carácter permanente, por cumplir las condiciones que se determinen reglamentariamente, los Ayuntamientos podrán exigir un recargo de hasta el 50% en la cuota líquida del impuesto.

Marea de Vigo esixe a Abel Caballero, en calidade de alcalde da cidade de Vigo, e como presidente da FEMP, “que se poña á fronte na defensa da nova Lei de Vivenda e dos positivos impactos que a mesma pode ter no acceso a unha vivenda digna, con prezos asequibles e con dereitos para a maioria social da cidade que son as familias traballadoras” conclúe o voceiro municipal.