“Antes de negociar voos a destinos non demandados e cidades das que non vai vir apenas turismo a Vigo, pedimos que se garantan prezos asequibles e bonificados para voos a Madrid e Barcelona utilizando a figura de servizo público de obrigado cumprimento, coa posibilidade de amplialo con voos a Londres ou Paris, cuxos principais aeroportos actuan ademais como nexos con centos de destinos no mundo” afirma Rubén Pérez

Ante a posibilidade dunha nova subvención directa con Ryanair, Marea de Vigo reitera a necesidade de levar a cabo, de xeito real e efectivo, “unha coordinación aeroportuaria entre as tres cidades galegas que contan con aeroporto que garanta unha maior accesibilidade á veciñanza e a optimización do uso aeroportuario de Galicia” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

“O futuro de Peinador non vai por consolidar voos a segundos ou terceiros aeroportos de capitais ou de cidades das que apenas hai retorno turístico, senón pola realización de certas accións que debe facer a administración local” apunta Rubén Perez.

A primeira, levada a cabo en varios aeroportos andaluces, “é a consideración de voos a Madrid e Barcelona como servizos públicos de obrigado cumprimento, unha fórmula que permite bonificar e quitar taxas a determinados voos por considerarse estratéxicos para a economía do sur de Galicia” recalca Rubén Pérez. “A segunda – prosigue Rubén Pérez – , é poñer enriba da mesa de negociación voos que teñan realmente un retorno comercial. Voos que consoliden turismo na nosa cidade”. O voceiro pon como exemplo os voos a Paris ou a Londres, “opcións que combinan ambas cuestións: o retorno comercial e a consolidación de turismo”.

Por outra banda, Marea de Vigo, á vista das recentes declaracións por parte de Ryanair, quere alertar que cando a empresa afirma que pode chegar a un acordo similar ao acadado entre os anos 2016 e 2019, “esperemos que non se refiran aos incumprimentos, levados a cabo de xeito reiterado cos constantes cambios realizados sobre as rutas así coma as chantaxes con subidas de prezo” recalca o voceiro municipal.

Marea de Vigo espera que, nesta ocasión, o Goberno local non “deixe facer” e “estableza a mínima fiscalización que se lle debe esixir a quen recibe millóns de euros de cartos públicos que se deixan de destinar a outras partidas” incide Rubén Pérez.