Rubén Pérez: “As ordenanzas fiscais, que rexen os prezos públicos que dependen do Concello para o ano seguinte a súa aprobación, son oportunidades políticas para os gobernos locais progresistas nas que facer cambios substanciais dependendo da situacion económica que vive a veciñanza”

Marea de Vigo pide unha rebaixa do tipo impositivo do IBI que xa case roza o tipo legal toda vez que a suspensión de regras fiscais para o 2023 da ao Concello ingresos extra e ademais non se vai executar a totalidade do orzamemento do 2022

O Goberno de Abel Caballero trasladou unha proposta de modificación de Ordenanzas Fiscais para o 2023 na que decidiu que para o vindeiro ano 2023 só ía modificar dúas ordenanzas: a Ordenanza Fiscal Xeral para a introdución da bonificación pola colocación de paneis solares, demanda histórica da Marea de Vigo, e a Ordenanza que regula as taxas para a utilización do espazo público, no tocante á ocupación por parte de instalacións de compañías telefónicas (antenas, etc).

“O vindeiro ano 2023 vai ser un ano especialmente difícil para a economía da cidadanía – afirma Rubén Pérez -, e cremos que non vale usar a mesma fórmula que leva usando o Goberno de Abel Caballero nas últimas lexislaturas, nas que se estivo aplicando o IPC nos anos non electorais para conxelalo no ano de eleccións municipais”. Ademais, “isto non implica que non haxa que aplicalo con posterioridade – prosigue o voceiro -, e como exemplo están as empresas concesionarias, que si que o van cobrar do Concello de Vigo, aínda que en moitos casos iso non repercuta nos seus cadros de persoal”.

Para a Marea de Vigo, a axuda as familias “non pode ir soamente dunha conxelación de ipc” apunta Pérez, senón que, segundo o voceiro, “é posible facer rebaixas en moitos dos impostos regulados polas ordenanzas, que están gravando dunha maneira moi elevada á veciñanza”, coma pode ser o tipo do IBI ou o caso da auga, cuxa factura “está sendo practicamente igual” que antes do cambio do sistema de tarificación, xa que “limitáronse a trasladar os custos de consumo ao mantemento da rede” engade Pérez.

Marea de Vigo tamén defende que se fagan bonificacións ás familias en risco de exclusión social na práctica totalidade dos pagos de impostos que se fan á administración local e seguirá esixindo que “a proposta de ordenanzas para o vindeiro ano 2023 sexa máis social e teña en conta os difíciles meses que van vir para as familias viguesas, para as que a proposta do Goberno local resulta absolutamente insuficiente” conclúe o voceiro do Grupo, Rubén Pérez.