Marea de Vigo pide reforzar con urxencia os recursos sociais dispoñibles no orzamento do Concello ante a escalada de prezos e situacións de vulnerabilidade social

Oriana Méndez: “Os datos de inflación, a alza dos prezos de productos básicos da cesta dos vigueses e viguesas e a suba do prezo da enerxía poden ter un impacto brutal nas economías máis vulnerables da cidade a raíz do impacto na economía global causado polo conflito en Ucraína, polo que urxe a garantir cando menos 100 euros de gasto social por habitante”

Marea de Vigo alerta do impacto que na economía viguesa pode ter a situación de conflicto en Ucraína, dende o evidente aumento do prezo da enerxía pola implicación que o prezo do gas ten no sistema tarifario enerxético europeo ate impactos en sectores como o da automoción, “que vivia un aumento das exportacións a Rusia moi determinante nos últimos anos” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo. “Vigo é tamén parte dunha economía global, e temos sectores económicos moi internacionalizados e cunha dependencia evidente do prezo das fontes enerxéticas, dende o sector pesqueiro ata o sector da automoción así como a industria de compoñentes e bens de equipos que poden sufrir unha situación de crise e polo tanto de merma de emprego cunha incidencia notoria na economía da cidade” engade.

Como previsión, Marea de Vigo considera que a administración local “pode e debe facer un esforzo en aumentar o escudo social para que as familias máis vulnerables da cidade teñan garantido cobertura que evite situacións de cronificación da pobreza” incide a concelleira. O Grupo pide, tal e como xa ten expresado no debate dos Orzamentos para 2022 así como no recente uso de 45 millóns de euros do remanente por parte do Concello, “unha centralidade do relacionado con gasto social fronte a investimentos orzamentais” matiza Oriana Méndez.

Marea de Vigo pide emendar o feito da “incomprensible” redución do importe ligado a programas de servizos sociais e promoción social que figuran no Orzamento de 2022. “O orzamento non pode seguir a consignar unha redución do gasto social por habitante” tendo pasado dos 19.438.000 euros presentes no orzamento de 2021 (65,5 euros de gasto social por habitante) aos 19.268.714 (64,9 euros por habitante). “Unha merma evidente de recursos consignados a estas partidas e que afastan máis a Vigo da recomendación dos profesionais dos servizos sociais de que se consignen 100 euros por habitante” afirma Méndez.

Ao xuizo da Marea de Vigo, a escusa da existencia de maior número de persoas perceptoras do novo Ingreso Mínimo Vital, “non xustifica que se retraian partidas como por exemplo nas axudas a alugueiro, vivenda, alimento e consumo enerxético, e, agora, cunha inflacción galopante e coas incertezas económicas que se abren non queda outra que garantir máis recursos dende o local pero tamén dende o gasto social da Xunta de Galicia que xestiona 1 de cada 4 euros de gasto social orzamentado en Galicia” conclúe a concelleira.